Camba expón en Cabo Verde a experiencia galega en políticas de inmigración

Un congreso internacional serve de punto e final para un programa financiado pola Unión Europea e no que teñen participado especialistas de cinco países

O Secretario Xeral da Emigración reúnese mañá coa ministra de Xuventude, Emprego e Desenvolvemento desa república africana que, como Galicia, comeza ser punto de referencia de inmigrantes tras décadas de diáspora cara o exterior

Listen to this page using ReadSpeaker

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, participou en Mindelo (na illa de San Vicente, da República de Cabo Verde) nas xornadas que clausuran o programa ‘Opción+Futuro: sensibilizar para a migración positiva’, iniciativa que conta co financiamento e respaldo da Unión Europea, e na que participan asociacións de cinco países lusófonos, entre elas a galega ‘Ecos do Sur’.

O proxecto foi escollido en primeira escolma pola Unión Europea, canda outros trinta, entre máis de 2.500 presentados para cofinanciamento dentro da liña estratéxica “Xuventude en Acción”. Calcúlase que nos primeiros meses da posta en marcha das accións previstas, téñense involucrado 200 participantes activos, con 2.700 beneficiarios directos.

A iniciativa ‘Opción + Futuro’ ten por obxecto reducir os impactos negativos das migracións na poboación máis nova, tanto no territorio de orixe coma no de destino. Trátase dun programa de especial interese, por razóns diversas, para cada un dos cinco países participantes.

No caso galego, a Xunta ten moito que achegar a esta posta en común –isto é que expuxo Camba- pola súa recente experiencia como país acolledor de inmigrantes despois de décadas de emigración. Galicia é, ademais, punto de referencia para moitos mozas e mozos chegados de países de fala portuguesa: abonda lembrar, neste senso, a importante colonia caboverdiana que arestora reside na costa da Mariña Luguesa.

Coa ministra de Xuventude
A experiencia galega resulta de especial relevancia e interese no caso de Cabo Verde, por canto este arquipélago, tras moito tempo de sufrir unha permanente diáspora cara o exterior, se está a converter na época máis recente en país de inmigración, especialmente desde a costa occidental africana, afastada apenas unhas ducias de millas mariñas.

Neste senso, a experiencia atesourada polo Goberno galego na posta en marcha e desenvolvemento de programas de acollida e integración cultural, social, e laboral do colectivo de inmigrantes e poboación retornada, poden servir de marco de referencia para as políticas a implementar por parte do goberno caboverdiano.

Este será, precisamente, un dos eixos da conversa que [mañá venres] manterá Camba coa ministra dese país encargada da carteira de Xuventude, Emprego e Desenvolvemento de Recursos Humanos, Janira Isabel Fonseca Hopffer Almada. Camba, asemade, manterá outros contactos con responsables locais das políticas migratorias.

O programa
Galicia é a única comunidade autónoma española seleccionada para participar neste innovador programa transcontinental que ao longo do presente ano se desenvolveu de xeito itinerante en cinco países europeos e africanos. A iniciativa, apoiada pola Unión Europea e a Secretaría Xeral da Emigración, reuniu a mozas e mozos voluntarios e persoal técnico de diversas ONGD en torno ao debate sobre os aspectos máis senlleiros da migración. Os encontros celebráronse ao longo do presente ano consecutivamente en España, Portugal, Mozambique, e, no pasado mes de setembro, en San Tomé e Príncipe, quedando unicamente pendente a presente cita en Cabo Verde. Ademais de constituír un foro de intercambio de coñecementos, teñen fornecido as ligazóns entre Galicia, Portugal e o oeste de África.

No caso da xuntanza en Galicia, celebrada no pasado mes de xuño, estivo dedicada á “Migración vs. Integración e diversidade cultural”. A axenda das e dos participantes incluíu actos en Compostela, A Coruña, Burela, Monforte, Castro Caldelas e Lugo. Ademais de xuntanzas de traballo e posta en común, realizouse unha visita a un piso de acollida para inmigrantes, observación de exemplos de emprendemento local exitosos, análise da integración no sector pesqueiro, visita ao Secretariado Xitano, gymkhana intercultural, mesas redondas, visitas á Fundación Paideia, Centro de Menores S.José de Calasanz, e inauguración na Fundación Rodríguez Iglesias da mostra Galicia somos todos, posta en marcha pola propia Secretaría Xeral da Emigración, e na que se salientan as historias persoais de inmigrantes en Galicia.

A ONGD Ecos do Sur, con sede na Coruña, representou a Galicia nos seminarios, exercendo de anfitrioa, canda a Secretaría Xeral de Emigración, nesa parada española do encontro do mes de xuño. “Opción + Futuro“ ten involucrado á Asociación para o Desenvolvemento das Terras de Regadío de Ferreira de Alentexo (Portugal), á entidade ADANE de Maputo (Mozambique), á Asociación de Fillos e Amigos de Janela (Cabo Verde), á Asociación de Escuteiros da Rexión do Príncipe (Santo Tomé e Príncipe), ademais da xa citada Ecos do Sur, de Galicia.

Algunhas conclusións
Á espera das conclusións oficiais do programa, as e os participantes teñen expresado a necesidade de fomentar unha información suficiente entre a poboación moza dos países emisores de emigrantes, de maneira que estes mozos e mozas sexan quen de escoller acertadamente entre a diáspora ou o desenvolvemento de iniciativas e negocios no seu mercado local.

Igualmente, a identificación de boas prácticas (económicas, sociais, produtivas, etc) semella un camiño de expansión eficaz e sostible para os emprendedores nos países que arestora se atopan en vías de desenvolvemento, tanto para fornecer o mercado local como á hora de planificar a exportación de bens ou servizos. Finalmente, o fomento da xestión responsable dos procesos migratorios, tanto por parte das autoridades dos países de acollida como os de partida, revélase coma un aspecto de suma importancia para o futuro dos fluxos de persoas entre países e continentes.

761 lecturas