As políticas específicas de emigración e retorno contarán cun orzamento de 27M€ no 2023

O orzamento propio superará os 19,5M€, aos que se deben sumar os 7,5M€ consignados na Consellería de Emprego para os novos programas de formación, incentivos á contratación e fomento do emprendemento dirixidos expresamente ás e aos emigrantes retornados.

No 2023 Galicia vai case triplicar os fondos destinados a medidas específicas de impulso ao retorno, pasando de 5 a 13 millóns de euros.

Ademais, consolídase o reforzo de prestación social ampliado durante a pandemia, para seguir axudando a persoas individuais e entidades do exterior.

Incluiranse nas contas públicas deste departamento os gastos derivados da adscrición das delegacións da Xunta en Arxentina e Uruguai e a organización do Pleno do Consello de Comunidades Galegas.

As políticas específicas de emigración e retorno contarán cun orzamento de 27 millóns de euros no 2023
As políticas específicas de emigración e retorno contarán cun orzamento de 27 millóns de euros no 2023
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022.

A Secretaria Xeral da Emigración aumentará o seu orzamento para 2023 apostando polo apoio aos galegos e galegas do exterior e potenciando o retorno. Dentro destas contas públicas engádense tamén os gastos derivados da adscrición das delegacións da Xunta en Arxentina e Uruguai e a organización do Pleno do Consello de Comunidades Galegas. 

Estas contas chegarán así ata os 19,5M€ propios aos que se deben sumar os 7,5M€ que a Consellería de Emprego ten consignados para o próximo ano de cara a poñer en marcha novos programas específicos de formación, incentivos á contratación e fomento do emprendemento por parte das e dos emigrantes retornados. Deste xeito, os orzamentos deste departamento elevaranse ata os 27 millóns de euros.

O orzamento da Secretaría Xeral da Emigración superará os 19,5M€, crecendo tanto o apoio aos programas específicos deste organismo como as actuacións en materia de emigración e retorno. De feito, Galicia vai case triplicar os fondos destinados a medidas específicas de impulso ao retorno, pasando de 5 a 13 millóns de euros. 

A xestión deste departamento autonómico ten como obxecto as actuacións de apoio ás e aos cidadáns galegos no exterior e ás entidades galegas asentadas fóra da nosa comunidade autónoma, co fin de fomentar a súa participación na vida social, cultural e económica de Galicia e contribuír á mellora do seu benestar e calidade de vida. Ademais, desenvolve accións encamiñadas á integración social e laboral dos galegos e galegas que deciden retornar a Galicia.

Dende o ano 2015, o incremento do orzamento deste departamento foi de máis do 139%, o que ten permitido reforzar as actuacións directamente dirixidas a axudar ás persoas e colectivos que están a sufrir dun xeito máis grave as consecuencias da situación sociosanitaria dos seus países de residencia e reforzar as axudas aos galegos e galegas que necesitan un apoio especial para a súa integración ou estean a poñer en marcha un emprendemento na comunidade autónoma. 

En concreto, o capítulo destinado ás actuacións derivadas da Lei de Galeguidade pasará a contar con case 2,8M€ que permitirá reforzar accións de marcado carácter social dirixidas ás e aos emigrantes galegos, co obxectivo de retomar programas que tiveron que adiarse pola pandemia como son os Reencontros e as Escolas Abertas e Obradoiros. Ademais, este ano tamén se poñerán en marcha, a través deste capítulo, as accións necesarias para a organización do XIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas que se reúne cada 3 anos e que serve para definir as políticas en materia de emigración e de retorno da Xunta de Galicia para os vindeiros anos. 

Nestes orzamentos tamén se continuará a apoiar as actividades formativas e culturais dos centros galegos no exterior con 2,35M€ e as axudas sociais de carácter individual e de emerxencia social, dirixidas a cidadás e cidadáns galegos en situación de precariedade económica con 3,6M€, un orzamento, este último, que crece un 29% máis con respecto a 2022. E en canto ás partidas destinadas ao funcionamento e as melloras das entidades galegas do exterior, mantense o orzamento do ano pasado, que xa crecera de xeito exponencial para paliar as necesidades xurdidas durante a época de pandemia, en especial, entre os centros dedicados ao traballo asistencial coas e cos galegos con maiores demandas do exterior.

En canto ao ámbito do retorno, grazas a un total de 13M€, seguirase apostando polas axudas extraordinarias aos emigrantes retornados e retornadas; as bolsas de excelencia para a mocidade exterior, BEME, que volven ofertar 250 prazas para realizar mestrados nunha das tres universidades galegas; e, finalmente, as axudas ao fomento ao autoemprego, que continuarán apoiando a unha media de 120 emprendedoras e emprendedores por ano, e a quen se lles ofertará tamén actividades complementarias de mentorización para que os seus proxectos consigan consolidarse. 

Deste xeito, os orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración apostan claramente polo retorno, incluíndo un importante reforzo económico para a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, co obxectivo de consolidar a incorporación de servizos esenciais como son os de orientación laboral ou asesoría fiscal, tendo en conta o volume de persoas que se agarda que regresen a Galicia nos próximos anos. 

200 lecturas