Emigración destinará 5 millóns de euros para potenciar as accións encamiñadas ao retorno no seu orzamento de 2021

As contas deste departamento suben un 21,7% ata os 16,4M€, consolidándose o seu crecemento dende o inicio da anterior lexislatura nun 200%.

A Secretaría Xeral aposta polo reforzo social aos galegos e galegas do exterior ante os efectos que está a ter a pandemia, destinando ás axudas económicas directas a persoas 3,32 millóns de euros.

Neste complexo escenario tamén se reforzará o apoio ás entidades galegas no exterior para que poidan soster as súas accións e actividades de apoio ás nosas e aos nosos cidadáns con 2,3M€.

Haberá unha liña extraordinaria destinada a apoiar a celebración do Día da Galicia Exterior dentro do Xacobeo 2021.

A Secretaría centrarase no reforzo social, no apoio ás entidades no exterior e na potenciación das accións de retorno a Galicia
A Secretaría centrarase no reforzo social, no apoio ás entidades no exterior e na potenciación das accións de retorno a Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2020.

Os orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración para o 2021 centraranse no reforzo das accións, axudas e actividades aos galegos e galegas do exterior de cara a paliar as dificultades que se están a atopar a raíz da actual pandemia da covid-19.

Deste xeito, a Secretaría centrarase no reforzo social, no apoio ás entidades no exterior e na potenciación das accións de retorno a Galicia, ascendendo de xeito global un 21,7%, en comparación co presente ano, ata chegar aos 16,4M€. Consolídase así o crecemento continuado das súas contas nos últimos anos, pasando a incrementarse ata un 200% dende o inicio da anterior lexislatura.

No ámbito do retorno, este departamento destinará 5 millóns de euros para accións encamiñadas a este fin, na procura de seguir facilitando a chegada de galegas e galegos residentes noutros países, tanto de primeira como de segunda xeración. Mantense así o compromiso do Goberno autonómico cos galegos e as galegas do exterior, especialmente na procura de facilitarlles as oportunidades precisas para que poidan volver á súa terra.  

Así, as axudas para o retorno emprendedor multiplican por dous o seu orzamento ata chegar aos 800.000 euros, co obxectivo de seguir facilitando a posta en marcha de novos negocios na comunidade e axudar a consolidar os xa existentes ante as dificultades que conleva a actual pandemia. Non en van, desde a súa activación fai xa catro anos, o programa ten permitido a apertura de case 300 iniciativas empresariais en Galicia. 

Pola súa banda, as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior reforzan o compromiso coa volta das e dos nosos galegos con alta cualificación, cun presuposto que chega ata 1,5M€, o maior das cinco edicións que se teñen desenvolvido, aumentando así de 150 a 200 as bolsas ofertadas. Cómpre lembrar que esta actuación permite captar para Galicia os mellores expedientes das mozas e mozos residentes fóra, fomentando o retorno da poboación activa laboral e contribuíndo a fixar novas e novos residentes no territorio. 

Así mesmo, as axudas extraordinarias para persoas emigrantes galegas e as súas familias retornadas ascenden un 15,8%, ata os 2,2 millóns, na procura de seguir axudando a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu regreso á Comunidade Autónoma de Galicia ás  familias que presentan máis dificultades no momento da chegada.

O montante destinado a potenciar o regreso dos galegos e galegas no exterior complétase coa Oficina de Atención ao Retorno, que recibirá 500.000 euros para continuar a traballar a favor de facilitar o acceso á información útil e necesaria a tódalas e tódolos retornados. O obxectivo é manter a tendencia á alza das cifras de retorno, con máis de 6.500 cidadás e cidadáns galegos que volveron á súa terra no 2019, sexto ano consecutivo de crecemento do retorno.

Reforzo social e a entidades
Emigración ampliará tamén o vindeiro exercicio o seu apoio ás Comunidades Galegas do Exterior, en especial, no eido social e das entidades, de cara a afrontar as enormes dificultades individuais e colectivas que está a provocar a pandemia nos distintos lugares do mundo no que residen galegas e galegos.

A Secretaría Xeral reforzará así, con 3,32 millóns de euros, as axudas económicas directas a persoas, que incluirán unha partida de 500.000 euros de axudas de emerxencia destinada a paliar os efectos derivados dunha situación grave a raíz da covid-19.

Tamén se incrementa o apoio ás entidades galegas no exterior, de cara a que poidan afrontar as deficiencias causadas pola pandemia, facendo unha especial atención aos centros galegos que prestan asistencia sociosanitaria. A dotación neste senso chegará ata os 2,3 millóns de euros.    

Finalmente, este departamento autonómico tamén colaborará na potenciación e desenvolvemento do Xacobeo 2021, destinando unha liña extraordinaria de apoio para a participación das e dos galegos no Día da Galicia Exterior, que terá especial relevancia dentro do futuro Ano Santo.

En imaxes
750 lecturas