A Policía aceptou unha recomendación da Defensora del Pueblo para identificar ás e aos menores estranxeiros que cheguen de forma irregular

Esta recomendación evitará a vulneración de dereitos fundamentais destes e destas menores e contribuirá a mellorar a detección efectiva de potenciais vítimas de trata ou doutros delitos.

A recomendación foi formulada no informe "La trata de seres humanos en España: víctimas invisibles".

Na imaxe, Soledad Becerril, nomeada Defensora del Pueblo polo Congreso e o Senado en xullo de 2012. Foto: Defensor del Pueblo
Na imaxe, Soledad Becerril, nomeada Defensora del Pueblo polo Congreso e o Senado en xullo de 2012. Foto: Defensor del Pueblo
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 25 de marzo de 2013.

A Dirección General de la Policía aceptou unha recomendación da Defensora del Pueblo, Soledad Becerril, para que se identifique ás e aos menores estranxeiros que cheguen a España de forma irregular e así evitar situacións de risco para estas e estes menores. Esta recomendación foi formulada no informe La trata de seres humanos en España: víctimas invisibles.

A partir de agora, tras a localización de menores estranxeiras e estranxeiros non acompañados ou acompañados dunha persoa adulta que non poida documentar a súa relación con dito ou dita menor, estes serán identificados de xeito inmediato e a súa situación poñerase en coñecemento do Ministerio Fiscal e as entidades de protección de menores.

Estas instrucións responden a unha recomendación da Defensora na que solicitaba que cando se detecte a persoas menores de idade indocumentadas, acompañadas ou non de persoas adultas, que intenten acceder de forma irregular a España, sexan identificadas e se comprobe o vínculo de filiación que teñen coas persoas adultas coas que viaxan (en caso de viaxar acompañadas). Soledad Becerril tamén recomendaba que se poña en coñecemento do Ministerio Fiscal e da entidade de protección de menores correspondente a situación destas e destes menores e o lugar ao que vaian ser trasladados.

Segundo o Director General de la Policía, a Comisaría General de Estranjería y Fronteras xa deu instrucións sobre as actuacións que se deben realizar ante a detección de menores estranxeiras ou estranxeiros non acompañados ou que poidan encontrarse en situación de risco. Así, realizarase unha anotación coa pegada dactilar e fotografía da ou do menor.

Tal e como recomendou a Defensora, estas instrucións aplicaranse tamén á ou ao menor en situación de risco se vén acompañado de persoas adultas que non poidan documentar a súa relación de parentesco ou se existen indicios de que poida ser vítima de trata de seres humanos.

Soledad Becerril celebra a aceptación desta recomendación que evitará a vulneración de dereitos fundamentais destas e destes menores e contribuirá a mellorar a detección efectiva de potenciais vítimas de trata ou doutros delitos.

 

Fonte e foto: Defensor del Pueblo

898 lecturas