A Xunta colabora con once ONGS para axudar a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou para este 2013 dous convenios máis que o ano pasado, cun orzamento total de preto de 300.000 euros.
O programa enmarcase nun protocolo de actuación institucional asinado fai catro anos pola Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia, para articular unha actuación conxunta multidisciplinar dirixida a combater a trata de seres humanos.
Desde 2010, as ONGs colaboradoras atenderon a preto de 8.500 persoas en situación de prostitución ou explotación sexual.
- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sinatura dos once convenios coas ONG´s. Foto: Conchi Paz
- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sinatura dos once convenios coas ONG´s. Foto: Conchi Paz
- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sinatura dos once convenios coas ONG´s. Foto: Conchi Paz
- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a sinatura dos once convenios coas ONG´s. Foto: Conchi Paz
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou once convenios de colaboración con distintas entidades sen ánimo de lucro para levar a cabo programas de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata con fins de explotación sexual.
Os convenios, dous máis que no pasado 2012, contan cun orzamento de preto de 300.000 euros e asínanse con Accem, Adoratrices Ourense, Aliad-Utreia, Cruz Vermella, Ecos do Sur, Faraxa, Médicos do Mundo, Oblatas Ferrol e Cáritas de Lugo, Santiago e Ourense. A Secretaría Xeral da Igualdade trata de apoiar os servizos existentes que xa están a traballar con estas mulleres, de xeito que poidan abranguer toda a Comunidade autónoma galega.
Deste xeito foméntase a colaboración con entidades que teñen unha acreditada experiencia no traballo coas persoas inmigrantes, co obxecto de continuar levando a cabo este Programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución e vítimas de trata, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas, e cofinanciado con Fondo Social Europeo do Programa Operativo 2007-2013 para Galicia.
Entre as actuacións que realizan estas ONGs están as de asesoramento, apoio e información respecto aos recursos sociais e xurídicos; acompañamento para a realización de trámites administrativos e burocráticos; actividades de socialización, educación, formación e integración, con especial incidencia na formación para facilitarlles ó acceso o emprego de novas tecnoloxías; ou sensibilización da sociedade sobre a situación das mulleres que están a padecer esta situación; entre outras.
Catro anos de colaboración coa Fiscalía
O programa está enmarcado no protocolo de actuación institucional asinado pola Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia no ano 2010, para articular unha liña de actuación conxunta multidisciplinar dirixida a combater a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e dar unha resposta integral e específica ás mulleres inmigrantes que exercen a prostitución en Galicia, vítimas desta problemática.
Así, o programa cumpre o seu cuarto ano, despois de tres exercicios nos que se ten acadado unha experiencia moi positiva e que deu como resultado a asistencia a preto de 8.500 persoas en Galicia: 3.393 na provincia de Pontevedra, 3.369 na Coruña, 1.193 en Ourense; e 493 en Lugo. O investimento total da Xunta entre o 2010 e o presente 2013 é de máis dun millón de euros.
Novas relacionadas