Inmobiliarias do Carballiño ofrecen inmobles a prezos especiais para emigrantes retornados

Listen to this page using ReadSpeaker

A campaña «Vive O Carballiño, Vive non Carballiño», -iniciativa para promocionar a vila como cidade dormitorio de Ourense- entra nas próximas semanas nunha nova fase que se concretará na zona de Avión e de Beariz, onde xa chegan os emigrantes galegos a gozar das súas vacacións. Os residentes no exterior que queren regresar a Galicia nun futuro próximo poderán «adquirir unha vivenda a bo prezo, e sobre todo con grandes facilidades», afirmou o edil de Turismo, Manuel Dacal.

Hai unha ampla oferta de vivendas, a prezos competitivos, con pisos de dúas habitacións desde 69.000 euros ou 250 euros ao mes. O principal destinatario da campaña é a poboación xuvenil. A divulgación sobre as ofertas e as condicións de pago tamén se fará chegar aos distintos centros galegos no exterior e ás asociacións de emigrantes como potenciais compradores.

A estratexia inmobiliaria de venda inclúe ademais bos incentivos. Entre os novos compradores sortearase a finais deste ano o importe da súa hipoteca durante un ano cun valor máximo de 6.000 euros. E tamén se regalará a todos os novos compradores de pisos no Carballiño un televisor de 42 polgadas.

Resultados

A iniciativa, lanzada en decembro do 2009, xerou resultados moi positivos para as quince construtoras e inmobiliarias locais que participan na campaña. Vendéronse ata o momento 70 pisos. O interese da poboación reflíctese nos milleiros de entradas que se rexistrou nas paginas web en que se inclúe esta promoción: www.segundamano.es e www.elidealista.com.

Vive O Carballiño, Vive non Carballiño é unha idea da Agrupación de Promotores e Construtores co apoio do Concello e da asociación local de comerciantes.

1881 lecturas