As persoas galegas privadas de liberdade no exterior, e en situación de especial necesidade, beneficiaranse da renovación do acordo entre Emigración e a ‘Fundación +34’

Seguindo as recomendacións ao respecto das oficinas do Valedor do Pobo e o Defensor del Pueblo, a finalidade do documento é actuar nos ámbitos xurídico, psicolóxico, médico e farmacéutico.

  • O secretario xeral da Emigración (á dereita da imaxe) e o presidente da Fundación +34, durante a sinatura de renovación do acordo
    O secretario xeral da Emigración (á dereita da imaxe) e o presidente da Fundación +34, durante a sinatura de renovación do acordo
  • O secretario xeral da Emigración (á dereita da imaxe) e o presidente da Fundación +34, durante a sinatura de renovación do acordo
    O secretario xeral da Emigración (á dereita da imaxe) e o presidente da Fundación +34, durante a sinatura de renovación do acordo
  • Casado e Miranda, durante a sinatura
    Casado e Miranda, durante a sinatura
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela , 31 de maio de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo presidente da Fundación +34, Francisco Javier Casado Martín, renovaron esta mañá en Santiago o acordo para prestar atención a aqueles presos e presas de orixe galego que estean en situación de especial dificultade en prisións estranxeiras, nomeadamente en América Latina.

A Fundación +34 é unha organización privada, de carácter social e benéfico sen ánimo de lucro, e os seus obxectivos fundamentais son ofrecer axuda humanitaria e defensa ás e aos presos españois no estranxeiro, e tamén asistencia aos cidadáns e ás cidadás en situación de desamparo e abandono en países do exterior.

Son obxectivos do convenio, dotado con 12.000 euros achegados por Emigración, favorecer as condicións tanto físicas como psicolóxicas das persoas encarceradas, así como recoller información sobre a súa situación xurídica; facilitar asistencia médica en diversas cidades do centro e sur de América; e o envío de produtos farmacéuticos a aquelas persoas, obxectivo final do convenio, que as necesitan para a súa supervivencia e non as teñen garantidas.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia pretende complementar o traballo da Administración do Estado, que é na que recae a responsabilidade e competencia sobre as españolas e os españois recluídos en cárceres do estranxeiro.

Contacto coas familias
Rodríguez Miranda recordou, trala sinatura do acordo, que “ademais de axudar ás e aos propios presos, moitos deles en situacións extremas, este acordo dá pulo ao funcionamento dunha entidade que permite a mellora no contacto coas súas familias na Galicia territorial”.

Segundo se lembra no acordo, “a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (OACNUDH) ten denunciado unha preocupante situación de morte e violencia nos cárceres de determinados países”. E as oficinas do Valedor do Pobo e do Defensor del Pueblo teñen solicitado ás administracións competentes que fagan un esforzo por atender ás persoas que se atopan en grave risco “por estar en situación de privación de liberdade en países nos que non se asegura unhas condicións de respecto dos niveis mínimos dos dereitos humanos”.

885 lecturas