Emigración asina un convenio coa fundación +34 para a atención das persoas galegas que se atopen en situación de privación de liberdade no exterior e especial necesidade

A finalidade do acordo é actuar nos eixos xurídico, psicolóxico, médico e farmacéutico. 

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e mailo presidente da Fundación +34, Francisco Javier Casado Martín, asinaron un acordo para prestar atención a aqueles presos e presas de orixe galega e que estean en situación de especial dificultade en prisións estranxeiras, nomeadamente en América Latina.

Segundo se recorda no acordo, “a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (OACNUDH) ten denunciado unha preocupante situación de morte e violencia nos cárceres de determinados países”. E  tanto o Valedor do Pobo coma o Defensor del Pueblo ten solicitado ás administracións competentes que fagan un esforzo por atender ás persoas que se atopan en grave risco “por estar en situación de privación de liberdade en países nos que non se asegura unhas condicións de respecto dos niveis mínimos dos dereitos humanos”.

A Fundación +34 é unha organización privada, de carácter social e benéfica sen ánimo de lucro, e entre os seus fins se atopa a axuda humanitaria e defensa das e dos presos españois no estranxeiro así como a axuda aos cidadáns e cidadás en situación de desamparo e abandono.

Obxectivos

Son obxectivos do convenio, dotado con 12.000 euros achegados por Emigración, favorecer as condicións tanto físicas como psicolóxicas das persoas encarceradas, así como recabar información sobre a súa situación xurídica; facilitar asistencia médica con periodicidade semestral en diversas cidades do centro e sur de América; e o envío de produtos farmacéuticos a aquelas persoas, obxectivo final do convenio, que as necesitan para a súa supervivencia e non as teñen garantidas.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia pretende complementar o traballo da Administración do Estado que é na que recae a responsabilidade e competencia sobre os españois e as españolas recluídas en cárceres do estranxeiro.

649 lecturas