A páxina web da Xunta de Galicia ofrecerá este sábado unha versión en lectura fácil con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade
A dirección www.xunta.es/linguaxe-simple recollerá un resumo dos contidos da semana escritos segundo este sistema.
A iniciativa é posible grazas á colaboración desinteresada das asociacións integradas en Down Galicia.
A lectura fácil é un método deseñado para facilitar a accesibilidade á información e a comprensión das mensaxes escritas por parte das persoas con discapacidades intelectuais ou de aprendizaxe.
Con esta iniciativa a Xunta busca poñer de manifesto a necesidade de integrar a discapacidade en todos os aspectos do desenvolvemento, así como promover a súa participación na vida social sobre a base da igualdade.
A páxina web da Xunta de Galicia ofrecerá este sábado unha versión en lectura fácil con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Será a través da dirección www.xunta.es/linguaxe-simple, que recollerá un resumo dos contidos máis importantes da semana escritos segundo este sistema de linguaxe.
Esta iniciativa impulsada polo Goberno galego é posible grazas á colaboración das asociacións integradas en Down Galicia, como Down Pontevedra ou Teima Down Ferrol, cuxos profesionais son os encargados de traducir as novas á versión en lectura fácil. As novas traducidas son lidas por persoas con discapacidade intelectual, para asegurar a súa comprensión.
A lectura fácil é un plantexamento xeral deseñado para facilitar a accesibilidade á información e a comprensión das mensaxes escritas por parte das persoas con discapacidades intelectuais ou de aprendizaxe. Trátase dun método configurado para crear contornos psicoloxicamente comprensibles para todos, eliminando as barreiras para a comprensión, a aprendizaxe e a participación.
O sistema de lectura fácil está dirixido a persoas con discapacidade intelectual, aquelas con outro tipo de discapacidade que inflúa na súa capacidade para ler e comprender, ás que padecen deterioro cognitivo por razón de idade ou que precisan de apoio na aprendizaxe e na comprensión lectora, ou a persoas con escasa formación básica ou descoñecemento do idioma.
Este método emprega unha linguaxe simple e directa, con oracións curtas nas que se plantexe unha única idea. Os textos son de estrutura clara e coherente, cun tamaño de letra grande, clara e nítida. Evita tecnicismos, abreviaturas ou conceptos abstractos. Nas publicacións, non incorpora demasiada información na páxina, utiliza xeralmente unha única liña para cada oración e os caracteres numéricos en vez da palabra equivalente. Este sistema de lectura recorre, ademais, a ilustracións, fotografías ou gráficos de apoio ao texto para facilitar a súa comprensión de acordo aos tres niveis de lectura que establece.
A Xunta de Galicia quere sumarse a este propósito para favorecer a plena igualdade e inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, consciente de que este é un paso ineludible na construción dunha verdadeira sociedade do benestar.
O Goberno galego, mediante esta iniciativa busca poñer de manifesto a necesidade de integrar a discapacidade en todos os aspectos do desenvolvemento, así como de promover a súa participación na vida social sobre a base da igualdade. Tamén, quere destacar a importancia de tomar medidas para poñer de relevo os progresos e os obstáculos na aplicación das políticas que teñen en conta as cuestións relativas á discapacidade. E, igualmente, de promover a conciencia pública acerca das contribucións das persoas con discapacidade ao desenvolvemento das súas comunidades.
Novas relacionadas