A páxina web da Secretaría Xeral da Emigración emitirá por streaming a apertura da Porta Santa que supón o inicio do Xacobeo 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que se trata dun acontecemento histórico e lembrou que todas as galegas e os galegos do exterior están chamados a participar no Ano Santo.

A retransmisión comezará ás 16:30 h do 31 de decembro
A retransmisión comezará ás 16:30 h do 31 de decembro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda anunciou hoxe que a páxina web e redes sociais deste departamento emitirá por streaming a apertura da Porta Santa coa que se dá inicio ao Xacobeo 2021.

Deste xeito, Miranda fai un chamamento a tódalas e tódolos galegos do exterior para participar neste relevante acontecemento que suporá o comezo dun ano histórico para Galicia. 

As interesadas e interesados poderán seguir a retransmisión en directo do acto o próximo 31 de decembro dende as 16:30 ata as 20 horas (en España) a través dos enlaces que aparecerán na páxina web: https://emigracion.xunta.gal.

A retransmisión contará cun actovideomusical que se proxectará en 16 países. Deste xeito, Carlos Núñez, será o encargado de acompañar coas súas notas parte do acto de apertura da Porta Santa. 

A retransmisión chegará a 16 países de Europa e América como Italia, Portugal, Holanda ou Arxentina, grazas á colaboración de Turespaña, a través de pantallas na praza do Gran Sablón en Bruxelas, na praza do Doumo en Milán, a de Pistoia, na Haia ou en Bos Aires. Ademais, a Televisión de Galicia retransmitirá todo o acto, a través do sinal convencional e da súa canle de YouTube. 

Dende a Secretaría Xeral da Emigración lévase xa tempo traballando para que a colectividade galega no exterior poida disfrutar do próximo Ano Santo 2021, e, especialmente, para a celebración do Día da Galicia Exterior.

Neste senso, estase a planificar, coas diversas entidades e centros galegos do exterior, as actividades previstas para o próximo exercicio, destacando especialmente a súa participación neste importante día que vén a potenciar o Camiño de Santiago, unha das iniciativas que maior relevancia ten entre as comunidades galegas do exterior, que serven de faro de divulgación do futuro ano Xacobeo. 

“O compromiso da Secretaría Xeral da Emigración para a celebración deste día é absoluto, e ademais, queremos que sexa un día compartido con todos os galegos do mundo”, engadiu Rodríguez Miranda, quen destacou que “estamos a traballar para que sexa o mellor Xacobeo posible nunha época na que, somos conscientes, estamos a vivir tempos difíciles”.

1068 lecturas