Miranda reúnese cos responsables de PuntoGal para potenciar no exterior o uso deste dominio a través dos centros galegos

O uso do “.gal” permitirá reforzar a imaxe de Galicia no exterior.

Imaxe da reunión celebrada na sede da SXE en Santiago de Compostela
Imaxe da reunión celebrada na sede da SXE en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas una reunión cos responsables de PuntoGal, co obxectivo de potenciar no exterior o uso deste dominio a través dos centros galegos.

A aplicación do “.gal” reforza a imaxe de Galicia no exterior e facilita que as asociacións galegas participen dun dominio que permite localizar os contidos e a información cultural sobre a comunidade galega dun xeito máis fácil e promover a publicación de novos contidos dixitais no noso idioma.

PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio galego na rede, que conta con arredor de seis mil páxinas xa baixo esa denominación. Entre elas están as institucións máis relevantes de Galicia: concellos, administración central, universidades e multitude de empresas e entidades. Esta colaboración mantén a relevancia da Galicia exterior no dominio, no que estivo presente desde o inicio, e busca a inclusión dos centros galegos de todo o mundo no seu uso, facilitando a súa identificación tanto por usuarias e usuarios da rede como por buscadores. 

A presenza do dominio ".gal" nas redes dos centros galegos ten tamén unha importante repercusión económica e cultural, destacando desde o primeiro momento a súa vinculación con Galicia para os seus asociados e establecendo unha conexión inequívoca coa historia e a cultura galegas. 

674 lecturas