Emigración informa ás Entidades Galegas de Europa sobre o Programa “Conecta co Xacobeo” que facilitará a galegos do exterior realizar o Camiño de Santiago

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, trasladou aos centros galegos esta iniciativa que está destinada a persoas de entre 18 e 64 anos  e que no caso de Europa se realizará a finais de setembro.

Os participantes percorrerán 100 quilómetros do Camiño en diferentes etapas ata chegar a Santiago de Compostela.

Emigración informa ás Entidades Galegas de Europa sobre o Programa “Conecta co Xacobeo” que facilitará a galegos do exterior realizar o Camiño de Santiago
Emigración informa ás Entidades Galegas de Europa sobre o Programa “Conecta co Xacobeo” que facilitará a galegos do exterior realizar o Camiño de Santiago
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021.

O Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas unha reunión telemática coas entidades galegas de Europa co obxectivo de informarlles acerca do novo programa deste departamento autonómico denominado  “Conecta co Xacobeo” e que ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas vinculadas a estes centros do exterior.

Deste xeito, vólvense a por en marcha os programas de achegamento a Galicia dos galegos do exterior, centrándoos, nesta ocasión, no Ano Santo, e limitando a participación ao continente europeo por mor da aplicación do control das medidas sanitarias marcadas pola pandemia da Covid-19.

Tal e como se informou aos centros galegos en Europa, poderán participar persoas entre 18 e 64 anos, desenvolvéndose a iniciativa a finais de setembro, unha vez que remate a quenda das persoas que proceden das comunidades autónomas españolas, de cara a que se poida facer este programa coa maior seguridade sanitaria posible.

Os participantes percorrerán 100 quilómetros do Camiño de Santiago en diferentes etapas ata chegar a Santiago de Compostela.

A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización da viaxe, dos traslados dos participantes e custo dos billetes dende o lugar de residencia destas persoas, así como dos desprazamentos terrestres, aloxamento e manutención en Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 2 de agosto. Máis información no seguinte enlace: "Conecta co Xacobeo. Ano 2021".

985 lecturas