Oxford dedica a John Rutherford o seu Centro de Estudos Galegos

O Oxford Centre for Galician Studies levará o nome de John Rutherford en homenaxe ao galicianista británico que o creara en 1991
O Oxford Centre for Galician Studies levará o nome de John Rutherford en homenaxe ao galicianista británico que o creara en 1991
Listen to this page using ReadSpeaker
Londres, 4 de xuño de 2013.

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford (Reino Unido) leva dende hoxe o nome de John Rutherford, en homenaxe ao hispanista e tradutor británico que fundou ese instituto en 1991.

O centro adscrito ao Queen's College de Oxford celebrou un acto para "recoñecer o esforzo do profesor Rutherford por estudar e dar a coñecer a lingua e a cultura galegas" no Reino Unido, explicou a Efe o lector do instituto, Diego Pardo.

Rutherford, de 72 anos, fundou hai máis de dúas décadas un centro no que "alumnos ingleses sen ningún vínculo con Galicia estudan galego e algúns deles elixen achegarse á literatura galega contemporánea no seu ano final de carreira", relatou Pardo.

En 1991 "tiña un sentimento case de culpa por non facer máis por Galicia, porque esa terra é moi importante para min dende que fun por primeira vez aos 17 anos. Sentía a necesidade de facer algo máis por Galicia do que fixera ata entón", apuntou a Efe Rutherford.

O profesor sinalou que agora se sente "moito máis tranquilo" consigo mesmo que hai vinte anos e mostrou a súa "alegría" pola iniciativa de bautizar o centro co seu nome, unha idea que lle presentou a directora da institución, María Donapetry, "como unha sorpresa".

O galeguista subliñou que, "mentres outros centros de estudos similares teñen máis alumnos galegos ou que son fillos de inmigrantes, en Oxford hai moi poucos; case todos son británicos".

"A cantidade de alumnos nunca foi enorme, iso sabiámolo dende o principio, pero tivemos moi boa calidade. Os que se sentían atraídos polo galego foron sempre alumnos con moito entusiasmo. Algúns deles están agora noutras universidades inglesas como profesores, facendo grandes cousas para estender a cultura galega," sinalou Rutherford.

Pardo explicou, pola súa banda, que os alumnos e alumnas que se especializan en literatura galega chegan ao último curso "cun coñecemento do idioma a un nivel alto, pois deben ler numerosas novelas en lingua galega e escribir ensaios especializados sobre o tema".

Rutherford, tradutor ao inglés de autores como Alfonso Rodríguez Castelao e Xosé Luís Méndez Ferrín, é académico honorario da Real Academia Galega (RAG) dende 2008 e en 2012 foi investido doutor honoris causa pola Universidade da Coruña (UDC) en recoñecemento pola súa defensa da cultura galega.

Á homenaxe ao galicianista en Oxford acudiu o secretario xeral de Política Lingüística do Goberno da Xunta, Valentín García, así como as antigas lectoras do Centro de Estudos do Queen's College Xelís de Toro, María García Liñeira e Laura Sáez.

Rutherford, xa xubilado, continúa, non obstante, "moi activo" e segue co seu labor de tradución, ademais de publicar obras como The Power of Smile (O poder do sorriso) sobre a estatua de Daniel no Pórtico da Gloria, que o ano pasado editou en inglés a firma británica Francis Boutle Publishers.

 

Fonte: El Confidencial

808 lecturas