Emigración e Centro Galego de Londres intensificarán a súa colaboración nas actividades da diáspora galega no Reino Unido e propiciarán a proxección económica de Galicia nese país

A segunda xeración de galegos e galegas pode servir de ponte de comunicación privilexiada entre os tecidos produtivos de ambos países.

Centro Galego de Londres
Centro Galego de Londres
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse en Londres coa directiva do Centro Galego da capital británica, no marco dos seus primeiros contactos informais coa diáspora galega, previos á súa primeira viaxe institucional, que terá lugar a principios de marzo ás repúblicas de Arxentina e Uruguai.

O secretario xeral e as e os representantes da comunidade galega en terras inglesas tiveron a oportunidade de intercambiar impresións sobre algúns proxectos comúns a desenvolver nos vindeiros meses, e coincidiron plenamente na necesidade de optimizar esforzos e impulsar o uso eficiente dos recursos, tanto da Administración autonómica coma das propias comunidades galegas no Exterior.

Nesa liña de colaboración, cómpre salientar o compromiso adquirido por parte da representación da colonia galega en Londres para axudar en todo o que estea na súa man na proxección exterior da economía galega. En tal sentido, expuxeron a Miranda que moitos dos galegos e galegas de segunda xeración, moitas e moitos deles xa nados no Reino Unido pero con profunda vinculación e compromiso coa Galeguidade, son profesionais activos e recoñecidos e recoñecidas nos ámbitos financeiro, académico e da investigación, entre outros, en múltiplas institucións e empresas británicas, e poden axudar á internacionalización da actividade do tecido produtivo galego nese país.

Fornecer as ligazóns
Afondando nesa mesma liña de preservar a vinculación con Galicia nas xeracións xa nadas ou criadas no Reino Unido, ambas partes coincidiron en sinalar que o recoñecemento destas e destes profesionais como mediadores de excepción entre o tecido empresarial galego e o británico pode fornecer o seu papel na Galeguidade.

Rodríguez Miranda adquiriu o compromiso de seguir moi de preto as actividades da entidade para afondar na mutua colaboración, consciente da importancia de achegarse a unha colonia que ascende a case doce mil persoas galegas no Reino Unido, e tamén se comprometeu a intensificar a colaboración do departamento que dirixe no desenvolvemento das accións levadas a cabo pola colonia galega. E, por parte do Centro Galego, houbo un agradecemento explícito á Secretaría Xeral pola súa implicación no seu desenvolvemento e crecemento recentes.

1094 lecturas