Alumnos e alumnas do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires visitaron o Consello da Cultura e a Real Academia galegas

O mércores estiveron no Pazo de Raxoi, sede do Consello da Cultura Galega, onde foron recibidos polo seu presidente.

Na mañá do xoves achegáronse ata a Real Academia Galega, na cidade da Coruña.

  • O presidente, Méndez Ferrín e o secretario, Axeitos Agrelo, recibiron ao grupo de estudantes no salón de actos. Foto: RAG.
    O presidente, Méndez Ferrín e o secretario, Axeitos Agrelo, recibiron ao grupo de estudantes no salón de actos. Foto: RAG.
  • Unha representante das e dos alumnos faille entrega ao presidente do agasallo para a Academia. Foto: RAG.
    Unha representante das e dos alumnos faille entrega ao presidente do agasallo para a Academia. Foto: RAG.
  • Ramón Villares xunto cos mozos e mozas do Santiago Apóstol. Foto: Crónicas de la Emigración.
    Ramón Villares xunto cos mozos e mozas do Santiago Apóstol. Foto: Crónicas de la Emigración.
Listen to this page using ReadSpeaker

Un grupo de alumnado e profesorado do Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Bos Aires visitou o pasado mércores a sede do Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi en Santiago de Compostela, onde os estes mozos e mozas foron recibidos polo presidente Ramón Villares e o xerente Marcelino Fernández Santiago. Os alumnos e alumnas, en viaxe de estudos por Galicia, coñeceron distintos aspectos do traballo e as actividades da institución e a súa proxección na Rede a través da web institucional www.consellodacultura.org e do portal www.culturagalega.org.

Ramón Villares destacou “a importante contribución do labor dos emigrantes e o seu legado a prol do desenvolvemento de Galicia e da súa cultura” e expresou o recoñecemento do Consello da Cultura ao traballo que vén desenvolvendo este colexio na capital arxentina.

O Colexio Santiago Apóstol foi creado en 1989 por iniciativa da Xunta de Galicia e do Centro Galicia de Bos Aires e acolle e forma a estudantes de diferentes nacionalidades co valor engadido da lingua e a cultura galegas.

O xoves, na Real Academia Galega
Durante a mañá do 27 de setembro, a Real Academia Galega recibiu a visita do grupo de dezaseis estudantes procedentes do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol.

Os rapaces e rapazas foron recibidos no Salón de Actos da Real Academia Galega polo seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, que desenvolveu unha breve exposición da historia e finalidades da institución. Durante a súa intervención, Méndez Ferrín salientou a grande importancia que a comunidade galega emigrada en América tivo na constitución e sostemento económico da Academia: "un papel de mecenado que foi fundamental tamén para a creación do himno, da bandeira e de multitude de escolas públicas ao longo de todo o país."

A seguir, unha representante dos alumnos e alumnas fixo entrega á Academia dun agasallo consistente na medalla do seu Centro e en varios exemplares de publicacións arxentinas; entre eles, os tres números publicados, ata o momento, da revista Gavieiro, editada polo propio Instituto Santiago Apóstol.

A visita das e dos estudantes arxentinos completouse cun percorrido polo resto das instalacións da Academia: a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, a Biblioteca, a Hemeroteca e o Arquivo. Ao longo desta xornada, a mocidade do Instituto Santiago Apóstol amosou a súa emoción ao observar, por vez primeira e de preto, manuscritos orixinais dos nosos escritores e escritoras e a primeira edición de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

 

Fonte: Consello da Cultura Galega & Real Academia Galega

1183 lecturas