Os galegos e as galegas do exterior xa poden inscribirse no programa “Reencontros na casa”, que en 2016 acada as 204 prazas

O prazo de solicitude rematará no mes de febreiro, de maneira que as persoas beneficiarias poidan organizar con tempo os seus desprazamentos.

A convocatoria que hoxe publica o DOG tense adiantado en datas respecto ao pasado ano.

A iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego por incrementar o investimento en políticas sociais que benefician directamente á cidadanía.

  • Foto de arquivo da chegada a Galicia das e dos participantes no 'Reencontros na casa 2015' da Secretaría Xeral da Emigración
    Foto de arquivo da chegada a Galicia das e dos participantes no 'Reencontros na casa 2015' da Secretaría Xeral da Emigración
  • Foto de arquivo da chegada a Galicia das e dos participantes no 'Reencontros na casa 2015' da Secretaría Xeral da Emigración
    Foto de arquivo da chegada a Galicia das e dos participantes no 'Reencontros na casa 2015' da Secretaría Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2015.

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a resolución pola que se regula e convoca o programa ‘Reencontros na Casa’ para residentes no exterior, durante o ano 2016, da Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda.

A novidade na edición deste ano é que se adianta a publicación da convocatoria, co obxectivo de que as persoas solicitantes poidan resolver canto antes os atrancos administrativos que puideran xurdir no país de residencia, e sobre todo poidan planificar coa maior antelación posible a organización e loxística (familiar, sanitaria, persoal) da viaxe.

Esta iniciativa ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegar á súa terra, e á súa familia, aos galegos e galegas residentes nos diferentes países de Iberoamérica. A través deste programa facilítase que estas e estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algúns deles e delas, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa nova vida noutros países.

O programa establece a concesión de axudas, polo valor do 60 por cento do custo da pasaxe, entre os seus países de residencia e Santiago de Compostela, agás no caso de “países nos que existan dificultades para acceder ás divisas necesarias para sufragar a parte que debe aboar a persoa beneficiaria, debido a dificultades na política de cambio”. Nestes casos, a Administración galega poderá sufragar ata o 100 % do custo da pasaxe.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar a parte correspondente da pasaxe, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe das e dos beneficiarios da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos tres meses.

Incremento no social
As condicións que se establecen na edición deste ano do programa non varían respecto de anos anteriores, pero si o número de prazas, que aumenta ata as 204. Trátase dunha nova aposta do Goberno galego por incrementar, agora que xa se ten superado o período de incerteza económica, as liñas de actuación social que benefician directamente á cidadanía.

Para se beneficiar do programa, a persoa solicitante debe acreditar ter nacionalidade española e ser emigrante galega ou filla de emigrante galega, residir en Iberoamérica, ter polo menos 65 anos, ser válido por si mesma, e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse as e os cónxuxes das e dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Un programa solidario
Aínda que as persoas participantes deben ter polo menos 65 anos, cómpre subliñar que a media de idade do continxente supera sempre con creces esta cifra, ata acadar decote os 75 e máis. É habitual que cada ano veñan varias e varios participantes que levan décadas sen pisar a Galicia territorial, ou que mesmo non o fixeron desde a súa nenez.

1678 lecturas