Programa de viaxes "Reencontros na casa" para residentes no exterior 2016

Listen to this page using ReadSpeaker
3202 lecturas
Información do programa e formularios de inscrición.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 9 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa Reencontros na Casa para persoas residentes no exterior, durante o ano 2016.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
17.12.2015
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto e finalidade das axudas:
O programa “Reencontros na Casa” está orientado a promover o contacto de galegos e galegas residentes no exterior coa súa terra e coas súas familias, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.

Prazas convocadas e datas de realización:
A asignación do número de prazas, queda fixada para o ano 2015 do seguinte modo:

 

Países Nº de prazas
Arxentina    90
Brasil    19
Cuba    12
Uruguai    60
Venezuela    14
Outros países    9
Total    204

 

O 90% das prazas asignadas a cada país destinarase ás persoas que cumpran os requisitos indicados no artigo 2, puntos 1 e 2 e o 10% restante ás persoas que cumpran os requisitos do punto 3 do mesmo artigo. Se non se completase unha destas cotas, as prazas vacantes poderá engadirse á outra.
As datas de chegada das persoas participantes a Galicia serán, previsiblemente, entre o 15 e o 17 de xuño de 2016.

Prazo de presentación de solicitudes:
Ata o 29/02/2016

Persoas beneficiarias:

  1. Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
    1.1. Ser emigrante galega
    1.2. Ter a nacionalidade española
    1.3. Residir en América de xeito continuado, como mínimo, durante os últimos 10 anos
    1.4. Ter, cando menos, 65 anos de idade, contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes
    1.5. Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta Secretaría Xeral
    1.6. Para ser persoas beneficiarias deste programa será necesario que poidan valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditarse mediante os correspondentes certificados médicos
    1.7. Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade con quen poidan residir durante a súa estadía en Galicia
    1.8. Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das bases de cálculo da prestación económica por ancianidade do Ministerio de Empleo ySeguridad Social para o ano da convocatoria, segundo os países de residencia. Se a persoa solicitante convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número de persoas que conviven menos un
  2. Poderán ser beneficiarias, como acompañantes, as persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade ás persoas solicitantes do programa indicadas no punto 1, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos nos puntos 1.5 e 1.6 e acheguen a documentación xustificativa.
  3. Tamén poderán ser persoas beneficiarias os fillos e as fillas de persoas emigrantes galegas que teñan a condición de galego/as e cumpran os requisitos indicados nos números 1.2, 1.3, 1.4, 1.6, 1.7 e 1.8 anteriores, e non teñan participado en programas de viaxes a Galicia da Secretaría Xeral da Emigración nos últimos 10 anos.

Características:

  1. A condición de beneficiario/a deste programa quedará supeditada ao compromiso de acollida da familia da persoa solicitante residente en Galicia e ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión
  2. As persoas participantes poderán permanecer coas súas familias en Galicia ata completar un período máximo de 3 meses, e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivados da súa estadía en Galicia
  3. As viaxes serán de ida dende o país de residencia habitual da persoa solicitante ata un aeroporto de Galicia e de retorno ao dito país
  4. As persoas beneficiarias deberán ingresar, por transferencia ou tarxeta de pagamento, na conta bancaria da axencia de viaxes designada, a parte que lles corresponda do importe do billete. Entenderase que quen non cumpra con este requisito desiste da súa solicitude
  5. A prestación de asistencia sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación nesta materia e os convenios subscritos polo Estado español e a Comunidadeautónoma de Galicia

Lugar de presentación

  1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordó co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 20 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
    As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen, poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a continuación, nas cales existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes:
    * En Brasil:
    - Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro
    - Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instrución de São Paulo
    - Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos
    * En Cuba:
    - Federación de Sociedades Gallegas en La  Habana
    * En Venezuela:
    - Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
    A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.
  2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
  3. O modelo normalizado de solicitude tamén poderá obterse na páxina web: http://emigracion.xunta.gal
  4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réximexurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DE SOLICITUDES: Picar aquí para acceder á sede electrónica
 

Texto íntegro da convocatoria no D.O.G. (picar aquí para descargar)

Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
29.02.2016