As Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno en Galicia acompañaron a preto de 8.200 familias chegadas a Galicia tras case dous anos de existencia

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recordou que Galicia conta con cinco oficinas situadas en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. 

As e os técnicos destes centros atenderon máis de 29.286 consultas, tanto persoais como telefónicas e telemáticas.

Na imaxe, a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno de Ourense
Na imaxe, a Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno de Ourense
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou o labor realizado ao longo destes meses polas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno no acompañamento e axuda aos galegos e galegas do exterior que decidiron retornar a Galicia e comezar unha nova vida. 

Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal técnico, xurídico e social especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos e galegas do exterior cara a favorecer o retorno, así como de acompañar ás e aos galegos retornados e ás e aos seus familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como comunican os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo no caso das e dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial como telemático.

Dende o comezo do seu funcionamento, como parte da Estratexia Galicia Retorna, as cinco oficinas integrais das catro provincias asesoraron a un total de 8.153 familias, interesadas en coñecer as liñas de apoio coas que a Xunta de Galicia conta para axudarlles a  consolidar o seu regreso, así como os canais existentes para homologar estudos, facilitar a tramitación da documentación persoal e a presentación de solicitudes de subvencións e prestacións. 

Así, en total, realizáronse 29.286  consultas, relacionadas con temas educativos (escolarización de menores, formación regrada, formación para o emprego, homologación de estudos...); sociais, como asistencia sanitaria, autorizacións de residencia, axudas económicas, prestacións ou vivenda; ou laborais, como información acerca do emprego por conta allea ou axudas ao autoemprego. 

374 lecturas