O XII Consello de Comunidades Galegas centrará os seus traballos no papel da emigración nas políticas culturais e sociais e na aposta polo retorno e a galeguidade
O plenario, que se celebrará en Santiago os días 3 e 4 de decembro, abordará, a través de 4 relatorios, a situación actual da colectividade e os campos nos que seguir impulsando o desenvolvemento da Galicia exterior e as posibilidades de retorno.
Trátase da primeira vez que o retorno conta cun relatorio propio no Consello, froito da crecente importancia que a volta á casa das galegas e os galegos do exterior está a experimentar.
Durante dous días, as e os 120 representantes das entidades galegas no exterior debaterán e achegarán ideas e proxectos na procura de seguir traballando xuntos a prol da colectividade.
O XII Consello de Comunidades Galegas, que se celebrará en Santiago os vindeiros días 3 e 4 de decembro, centrará os seus traballos no papel da emigración nas políticas culturais e sociais, así como na aposta decidida polo retorno e a galeguidade
Neste sentido, o pleno, que se configura como o órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia, atenderá, de modo prioritario, a estas 4 grandes áreas, impulsando 4 relatorios que permitan coñecer en profundidade a situación actual da colectividade e os campos nos que seguir impulsando o desenvolvemento da Galicia exterior.
Así, afondarase no papel que está a xogar hoxe en día o retorno á Comunidade de galegas e galegos residentes no exterior, tanto desde o punto de vista da volta do talento galego como desde a importancia que pode ter ante o reto demográfico que está a afrontar Galicia. Cómpre salientar que esta é a primeira vez que o retorno conta cun relatorio propio no Consello, froito do destacado crecemento que a volta a casa das cidadás e os cidadáns galegos do exterior está a experimentar
Ademais, o plenario permitirá resaltar a relación entre a emigración e a cultura galega. Non en van, as distintas comunidades no exterior constitúen un verdadeiro patrimonio cultural que convén seguir poñendo en valor. Así mesmo, e ante o próximo Xacobeo 2021, o Consello realzará o papel dos centros galegos e a súa relación co Camiño de Santiago como eixo vertebrador de Galicia, España e Europa no mundo.
O terceiro relatorio centrarase na importancia das políticas sociais na procura de sumar esforzos entre entidades galegas para seguir a impulsar proxectos de atención a favor das e dos galegos do exterior en situación de maior vulnerabilidade.
E no tocante a galeguidade, o Consello permitirá destacar, unha vez máis, o imprescindible papel que xogan todos os centros e casas galegas espalladas polo mundo, tanto na conservación e transmisión da nosa cultura como no desenvolvemento de accións informativas para as distintas comunidades galegas. O obxectivo é abordar os retos que se teñen por diante no camiño conxunto que entidades e Goberno galego deber percorrer para dar resposta ás necesidades do século XXI.
Novas relacionadas