A Galeguidade do século XXI, cultura, social, e TIC's, centrarán a atención do próximo Consello das Comunidades Galegas
Na súa derradeira xuntanza en Santo Estevo de Ribas de Sil, a Comisión Delegada saliente escolleu estes relatorios como eixos do próximo Consello.
Tanto Feijóo como Miranda agradeceron o intenso traballo das e dos integrantes do órgano de máxima representación da diáspora, labor desenvolvida “nun momento histórico”, en palabras do secretario xeral da Emigración.
A Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas decidiu na súa derradeira xuntanza do seu mandato –clausurada polo Presidente da Xunta no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil- a inserción de catro relatorios no plenario do Consello, que terá lugar nos vindeiros meses.
Así, as e os membros do máximo órgano de representación da diáspora entre plenarios decidiron que o primeiro dos focos de atención na reunión de representantes das comunidades galegas de todo o mundo sexa o da Galeguidade, con tres eixos fundamentais de traballo: o pulo para unha maior implicación e participación da muller nos órganos de representación e na vida asociativa das comunidades, o traballo para unha crecente integración da mocidade nas actividades e directivas das entidades, e a proxección internacional de Galicia e a súa economía.
O segundo relatorio centrarase no ámbito cultural, con especial atención e énfase en dous aspectos: a protección do patrimonio material e inmaterial da Galicia do Exterior, e a extensión lingüística. É dicir, a consolidación e espallamento do idioma e cultura galegos en tódolos ámbitos xeográficos nos que se asentan comunidades galegas cun número significativo de persoas asociadas, de maneira que as xeracións de galegas e galegos xa nados na diáspora teñan a oportunidade de aprender, usar, e incrementar os seus coñecementos, no idioma das e dos seus devanceiros, e sintan como propia a cultura galega.
O terceiro relatorio incidirá no eido social, co obxectivo de que os servizos que ofrecen as comunidades galegas –de maneira destacada naqueles países onde a cobertura sanitaria e asistencial é máis deficitaria- se consoliden. Mediante a posta en común de ideas, experiencias, e alternativas cara o futuro, trátase de establecer unhas liñas mestras de actuación para que estes servizos se consoliden cunha xestión económica eficaz e cun respaldo societario o máis amplo posible.
Finalmente, o cuarto relatorio fixará o seu foco nas TIC's, en diversas vertentes: como aceleradoras e simplificadoras da relación coa Administración, como ferramenta para unha vertebración máis eficaz da Galeguidade entre as xeracións máis novas, como dinamizadoras da información para os asociados e asociadas, como vehículo de transmisión de información naqueles lugares onde as comunidades galegas teñen menor presenza ou esa presenza estea máis espallada no territorio, e mesmo como creadoras de redes globais nas que as distintas comunidades estean máis e mellor interrelacionadas.
Renovación
Estes catro relatorios formarán parte dos contidos do vindeiro plenario do Consello das Comunidades Galegas, e a súa elección foi a penúltima das decisións tomadas pola Comisión Delegada, xusto antes do manifesto de apoio á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade co que se pechou o seu mandato, pois o plenario renovará este órgano.
Precisamente, tanto o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradeceron formal e fondamente a cantidade e calidade do traballo realizado pola Comisión. Entre outros aspectos, durante o seu mandato aprobouse polo Parlamento de Galicia a nova Lei de Galeguidade –que substituía á pioneira de hai 30 anos- e polo Consello da Xunta dous dos seus decretos de desenvolvemento, polo que “o momento que vos tocou representar á diáspora pode considerarse sen dúbida histórico por canto sentou as bases para o deseño da Galeguidade do século XXI, e alégrame que quedara en mans como as vosas”, segundo destacou Rodríguez Miranda.
A Comisión é un órgano, que se reúne polo menos unha vez ao ano, no que delega, por votación, a súa representación o Consello de Comunidades Galegas, formado polo centenar amplo de centros e casas de Galicia con recoñecemento oficial en todo o mundo. Forman parte da Comisión catro membros electos en representación dos centros e casas de Galicia en España, outros catro electos por aqueles con sede en Europa, e outros catro electos polos de América, máis os centros considerados ‘membros natos’: aqueles que superan as 50.000 persoas asociadas.
A Comisión, que o vindeiro pleno do Consello das Comunidades Galegas disolverá para a súa renovación, está arestora formada, por España: por centros de Barcelona, Salamanca, Sestao (Biscaia), e Sevilla; por Europa: de Lisboa, Frankfurt, Londres, e Bruxelas; e por América: de Caracas, Montevideo, Bos Aires e A Habana.
Novas relacionadas