Igualdade abre a convocatoria de axudas para centros e recursos integrais para mulleres, dotada con máis de 900.000 euros

As axudas destínanse ao mantemento dos programas que acollen a mulleres, ao desenvolvemento de recursos especializados para mulleres en risco de exclusión e aos programas específicos de apoio a mulleres xestantes e/ou lactantes.

As entidades poderán percibir subvencións por un máximo de dous programas presentados e o importe máximo que percibirá cada unha por programa é de 40.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de hoxe.

A convocatoria de 2011 permite a concesión de anticipos de ata o 80% da subvención concedida.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Igualdade publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas para mulleres e recursos integrais para xestantes e lactantes, que este ano está dotada con 916.500 euros, podendo concederse anticipos de ata o 80% da subvención concedida.

A convocatoria deste ano vai dirixida ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, inscritas na área de igualdade do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. A finalidade é contribuír ao mantemento de centros que acollen a mulleres en dificultades, apoiar o desenvolvemento de recursos especializados para mulleres en situacións de vulnerabilidade e de programas específicos de apoio a mulleres xestantes e/ou lactantes con fillos/as menores de tres anos, todo elo co obxectivo prioritario da promoción da igualdade entre mulleres e homes.

En 2011, o orzamento alcanza os 916.500 euros, 31.500 euros máis que no ano anterior, e ten como novidade a posibilidade de realizar anticipos de ata o 80% do importe da subvención concedida, sen depósito de garantías, co obxectivo de paliar o esforzo que as entidades financiadas están a soportar, e ante a necesidade de que os programas e recursos que desenvolven funcionen con normalidade, xa que as beneficiarias son mulleres en situación de especial discriminación.

Estas axudas destínanse ao mantemento de servizos e á realización de diferentes programas, como os centros de atención especializada a mulleres (centros de acollida, centros de día) nos que se ofrece asistencia básica -aloxamento, manutención- e programas de apoio ás mulleres en situación de risco de exclusión.

Tamén se destinan a programas de apoio a mulleres xestantes e /ou lactantes con fillos e/ou fillas menores de tres anos que conteñan actuacións de información sobre recursos existentes para elas e os seus fillos e fillas, acompañamento social, con medidas de apoio psicolóxico para a superación das cargas emocionais provocadas pola situación de embarazo ou maternidade, orientación, asesoramento e busca de emprego, adquisición de competencias persoais e sociais adaptadas para a inserción laboral e para afrontar a nova situación persoal e medidas de apoio urxente.

Outra das áreas de actuación financia programas de recursos integrais de axuda para mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social -reclusas, ex-reclusas, drogodependentes-; de apoio a mulleres en situación de especial protección (anciás soas, mulleres con discapacidade, inmigrantes, mulleres pertencentes a minorías étnicas), e de apoio e acompañamento dirixidos a vítimas de violencia de xénero.

As entidades poderán percibir subvención por un máximo de dous programas e o importe máximo que percibirá cada unha por cada programa é de 40.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de hoxe.

1479 lecturas