A Xunta convoca axudas aos concellos para a promoción da igualdade cunha contía de preto de 4 millóns de euros

A convocatoria da Secretaría Xeral da Igualdade sae hoxe publicada no DOG.

Este ano a convocatoria engloba tres liñas de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

Listen to this page using ReadSpeaker

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, presentou hoxe en rolda de prensa a convocatoria de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da Igualdade para o ano 2011, dotada con 3.748.862 euros, que permite a concesión de anticipos de ata o 80% da subvención concedida, sen constitución de garantías.

Esta convocatoria de axudas, que sae hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), ten por obxecto, explicou González, “colaborar economicamente coas entidades locais na promoción das condicións necesarias para facer efectivo o principio de igualdade entre mulleres e homes, apoiando a realización de actuacións dirixidas a favorecer a igualdade de oportunidades e de trato, a participación das mulleres en todos os ámbitos da vida e a erradicación da violencia de xénero”.

A responsable de igualdade do goberno galego salientou que, dende a administración autonómica, “somos conscientes que os concellos, pola súa proximidade á cidadanía e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, son os axentes idóneos para o desenvolvemento de accións tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, para previr e erradicar a violencia de xénero, para o establecer as condicións que posibiliten a participación das mulleres en todas as esferas da vida, e para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral de todas as persoas, mulleres e homes”.

Pero, “tamén somos conscientes da complicada situación económica dos concellos”, e consecuentemente a convocatoria deste ano, dixo a secretaria xeral da Igualdade, aparte de ser economicamente moi importante, “permite a concesión de anticipos de ata o 80% da subvención concedida sen constitución de garantías, co fin de que as entidades locais dispoñan dos recursos cando realmente os precisan, máxime neste momento coxuntural no que se atopan nesa situación financeira delicada e reciben unha maior demanda de servizos”.

O crédito destinado a estas axudas para o ano 2011 é de 3.748.862 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo nun 80%. Este ano ten como novidade que engloba tres liñas de colaboración coas entidades locais: a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero; o fomento da conciliación e o apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

Da primeira liña de colaboración, para programas da promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, poderán beneficiarse todos os concellos galegos que queiran realizar actuacións de promoción da igualdade, como a elaboración de plans de igualdade, accións de capacitación do persoal político e técnico para a integración da pespectiva de xénero nas políticas locais, ou actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación, tanto en colaboración cos centros educativos, coas Asociacións de Nais e Pais, como no ámbito da familia ou da sociedade.

Tamén poderán concurrir aqueles concellos que realicen accións para previr a violencia de xénero, como a consolidación e establecemento de estruturas de coordinación cara a eficaz prevención, detención, e intervención na loita contra a violencia contra as mulleres, ou actividades de sensibilización e concienciación sobre a violencia na sociedade.
As subvencións para realizar programas de fomento da conciliación, a segunda liña de actuación, poderán solicitala todos os concellos que poñan en marcha actividades como os bancos de tempo, plans de programación de tempo ou calquera outra medida que teña como obxectivo fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos laborais e familiares.

A terceira liña de colaboración, o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM), está dirixido aos 78 concellos galegos que son titulares de CIM, acreditados conforme ao disposto no Decreto 182/2004, do 22 de xullo, que teñen a finalidade de garantir a prestación dun servizo de atención ás mulleres que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico, información sobre os recursos específicos existentes, así como o desenvolvemento de actividades formativas vinculadas á empregabilidade feminina e calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

O prazo para solicitar estas axudas comeza maña e remata o próximo 11 de maio e terán que dirixirse a Secretaría Xeral da Igualdade.

1637 lecturas