O seminario de cociña da Aula GaliciaAberta arranca hoxe coa súa primeira sesión

Estes obradoiros, postos en marcha durante a pandemia para achegar a cultura e tradicións galegas a todos os lugares do mundo, suman xa preto de 350.000 reproducións nas redes sociais. 

O cociñeiro André Arzúa elaborará diferentes receitas con produtos típicos de Galicia, que en ocasións se adaptarán ás cociñas dos diferentes países.

A primeira sesión terá lugar esta tarde, a partir das 20 horas, e poderá seguirse  a través do Facebook da Secretaría Xeral da Emigración. 

O chef galego André Arzúa será o encargado de achegar aos galegos  e galegas de todo o mundo pratos e receitas elaboradas desde Galicia
O chef galego André Arzúa será o encargado de achegar aos galegos  e galegas de todo o mundo pratos e receitas elaboradas desde Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2020.

Hoxe pola tarde, a partir das 20 horas, iníciase o seminario de cociña da Aula GaliciaAberta, unha iniciativa posta en marcha durante o Estado de Alarma para paliar as limitacións impostas pola restrición de movementos nos países con maior poboación galega. 

O seminario gastronómico engádese á oferta que integra a Aula, e que inclúe clases de canto e pandeireta, percusión, gaita, baile e sesións de contacontos en galego. Ata a data, a iniciativa suma xa preto de 350.000 reproducións nas redes sociais. 

Non en van, todas as clases, do mesmo xeito que o seminario de hoxe, pódense seguir a través do Facebook Live da Secretaría Xeral da Emigración. Mediante esta canle, as e os participantes poderán expor dúbidas ou comentarios sobre as receitas que se leven a cabo.

O chef galego André Arzúa será o encargado de achegar aos galegos  e galegas de todo o mundo pratos e receitas elaboradas desde Galicia, adaptando, nos casos nos que sexa posible, os ingredientes ou métodos empregados á realidade gastronómica dos países con maior presenza galega. 

A Aula GaliciaAberta complementa os obradoiros tradicionais que permitían a centros galegos de todo o mundo contar coa presenza dun profesor ou profesora, desprazado desde Galicia, dalgunha das disciplinas incluídas na convocatoria que durante varias semanas reforzaba as actividades lectivas que levan a cabo nas súas sedes. 

A pandemia fixo inviable ditas actividades presenciais nos centros galegos, polo que o departamento autonómico buscou novas medidas, como esta, que aminoraron parte das consecuencias que a crise da Covid-19 está a deixar nos principais países con maior poboación galega.

791 lecturas