A Aula GaliciaAberta da Secretaría Xeral da Emigración obtén preto de 150.000 visualizacións nas súas dúas primeiras semanas de vida

O apartado específico creado na páxina web do departamento autonómico para acubillar esta iniciativa rexistrou máis de 30.000 visitas desde a súa posta en marcha.

As sesións formativas, que se imparten de luns a xoves en horario de 20 a 22 horas a través de Facebook Live, abordan canto e pandeireta, percusión, gaita e baile.

A Arxentina, O Uruguai, Brasil, México, Suíza, Alemaña, Venezuela e Portugal  son os países nos que residen a maior parte das e dos espectadores, só precedidos por España, onde tamén está a ter moita repercusión esta iniciativa. 

Imaxe da primeira clase dos obradoiros da Aula GaliciaAberta
Imaxe da primeira clase dos obradoiros da Aula GaliciaAberta
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2020.

A Aula GaliciaAberta, a iniciativa posta en marcha o pasado 27 de abril pola Secretaría Xeral da Emigración para reforzar a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade galega no exterior, leva acumuladas 144.723 visualizacións desde o seu inicio. En apenas dúas semanas, tanto as oito sesións formativas que impartiron os mestres de canto e pandeireta (Leni Pérez), percusión (Alexandre Martínez Castro), gaita (Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas), como as titorías e vídeos promocionais destes docentes foron vistos por milleiros de galegos e galegas residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadirlle, ademais, ás visitas ao apartado da Aula GaliciaAberta creado na páxina web do departamento autonómico, que ten rexistrado máis de 30.000 visitas desde a súa creación. 

A Arxentina, O Uruguai, Brasil, México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido son os países de residencia da meirande parte das espectadoras e espectadores destes primeiros seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta que están a ter entre os galegos e galegas de Madrid, Cataluña, o País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia comunidade autónoma.  

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, agradeceu ás e aos galegos de todo o mundo a boa acollida que está a ter esta iniciativa, que “sería imposible sen o amor que todos vós tedes e amosades acotío por esta terra vosa, pola súa cultura, os seus costumes e a súa tradición”. “Son os galegos, todos, tanto os que están na comunidade como os que residen en calquera recuncho do planeta, os que facedes a Aula GaliciaAberta, porque sodes vós os que estades cada día ao outro lado da retransmisión vivindo as clases en primeira persoa e asistindo como os alumnos reais que sodes”, engadiu. 

Facebook, a plataforma preferida
Facebook segue a ser a plataforma preferida polas e polos espectadores para asistir a estas clases, que se imparten de luns a xoves en horario de 20 a 22 horas a través de Facebook Live, con máis de 132.000 reproducións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde tamén se colgan as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (emigración.xunta.gal). Tamén o material didáctico aportado previamente polos docentes destes seminarios, que constan de dez sesións formativas, pode consultarse nesta dirección.

Este novo programa da Secretaría Xeral da Emigración complementa o dos obradoiros tradicionais, que permitían a centros galegos de todo o mundo contar coa presenza dunha ou dun profesor, desprazado desde Galicia, de algunha das disciplinas incluídas na convocatoria que durante varias semanas reforzaba as actividades lectivas que levan a cabo nas súas sedes. A actual situación, tanto en España, que continúa en Estado de alarma, como noutros países, fai, sen embargo, inviable as actividades lectivas presenciais nos centros galegos de todo o mundo, polo que o departamento autonómico continúa a buscar medidas, como esta, que aminoren parte das consecuencias que esta pandemia está a deixar nos principais países con maior poboación galega.

1044 lecturas