O secretario xeral de Política Lingüística asiste en Bos Aires ao XI Congreso Internacional da AIEG

O encontro congregará na capital arxentina un importante número de galicianistas chegados de todo o mundo.

A mostra ‘53 páxinas das nosas letras’ pódese visitar desde hoxe e ata o vindeiro 3 de maio na Sala Luís Seoane do Centro Galicia de Bos Aires.

  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Teatro Castelao de Bos Aires na apertura do XI Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos
    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Teatro Castelao de Bos Aires na apertura do XI Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Teatro Castelao de Bos Aires na apertura do XI Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos
    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Teatro Castelao de Bos Aires na apertura do XI Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos
Listen to this page using ReadSpeaker
Bos Aires, 6 de abril de 2015.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Teatro Castelao de Bos Aires na apertura do XI Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que organiza a devandita asociación. Baixo a temática Os estudos galegos ante o cambio social e cultural: identidades na fronteira, emigración e exilio desenvolverase na capital arxentina durante tres días congregando un importante número de galicianistas chegadas e chegados de todo o mundo.

O secretario xeral de Política Lingüística quixo lembrar a figura do profesor Filgueira Valverde –a quen se lle dedicará o próximo Día das Letras Galegas-, tan relevante en tantos campos dos estudos galegos, pero recoñeceu que “un só home –mesmo un home da súa vasta cultura- non sería abondo para chegar á profundidade e cantidade dos estudos galicianistas actuais. En só unhas décadas, a investigación xurdida á calor do interese espertado fóra da nosa comunidade arredor da lingua e da cultura de Galicia multiplicouse e púxose á altura de estudos de longa tradición”. Nesta mesma liña, destacou que “o galeguismo sempre estivo aberto ao mundo e os homes e mulleres da xeración de Filgueira apostaron en todo momento por exportar a nosa lingua e cultura e por incorporar as achegas que, desde fóra das nosas fronteiras, se lles puidesen facer a elas, tal e como fai hoxe a Asociación Internacional de Estudos Galegos”.

Valentín García indicou que “as achegas que, desde culturas diversas, fan os investigadores aos estudos sobre a lingua e a cultura de Galicia son fundamentais para afondarmos no coñecemento de nós mesmos, do noso pasado, do noso presente e, polo tanto, das nosas potencialidades de cara ao futuro. Contribúe tamén á nosa autoestima colectiva o ver a relevancia que adquiren fóra de Galicia fenómenos lingüísticos, obras literarias, feitos históricos... que nós non sempre valoramos, probablemente por seren tan próximos, naturais e cotiáns que a súa singularidade nos pasa desapercibida”.

53 páxinas das nosas letras, en Bos Aires
A cidade de Bos Aires, cerna dunha das comunidades máis vizosas da diáspora galega, acolle este encontro coincidindo co trixésimo aniversario da AIEG. No marco deste XI Congreso Internacional inaugurarase hoxe a mostra 53 páxinas das nosas letras no Centro Galicia, en cuxa Sala Luís Seoane se poderá visitar ata o vindeiro 3 de maio.

Con ela, a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Parlamento de Galicia e a Real Academia Galega réndenlle homenaxe aos autores e autoras ás que se lle dedicaron as Letras Galegas desde 1963. A mostra chega a Bos Aires logo de percorrer diferentes localidades de Galicia e de España.

XI Congreso Internacional da AIEG
A AIEG leva a Bos Aires a undécima edición do seu Congreso Internacional, no que a asociación conta coa colaboración da Xunta de Galicia. No marco do encontro, galicianistas chegadas e chegados de todo o mundo analizarán e debaterán arredor da apertura dos estudos galegos á análise dos fenómenos de transculturalidade e dos procesos de cambio social e cultural, tanto por medio da atención a obxectos culturais emerxentes como por medio da adopción de ferramentas de análise que favorezan as perspectivas comparadas. Así, ata o 8 de abril, o congreso abordará as relacións interculturais e as dinámicas de cambio social vinculadas a elas no contexto da globalización.

Logo do acto de apertura, a investigadora María Rosa Lojo foi a encargada de pronunciar a conferencia inaugural. Xa pola tarde, a sede do congreso trasladarase ao Instituto de Altos Estudios Sociales (IDAES) e este espazo e outros da capital arxentina, coma o Instituto Galego-Arxentino Santiago Apóstol ou o Museo da Emigración Galega acollerán os diferentes paneis, mesas de relatorios e outras actividades programadas.

Pola súa banda, a Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina acollerá este martes a asemblea xeral de socios e socias da AIEG, logo da conferencia plenaria Entre unidade e imaxes de Galicia. As múltiples obras de Luís Seoane en Bos Aires (1937-1979), da man de Silvia Dolink.

O mércores, as mesas de relatorios da última xornada daranlle paso ao ciclo de diálogos no que participarán José Colmeiro, Helena Miguélez e Gabriel Rei-Doval, antes da conferencia plenaria de clausura Sempre en Bos Aires, a cargo do profesor e académico da lingua galega Henrique Monteagudo. O programa completo do congreso pódese consultar aquí.

A AIEG
A AIEG é unha organización sen fin de lucro creada no ano 1985 e dedicada á promoción dos estudos galegos a nivel internacional coa vontade de propiciar o intercambio entre especialistas de diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega e de fomentar a presenza da cultura galega no mundo, nomeadamente no eido académico.

Desde o primeiro dos seus encontros -celebrado no ano 1985 na Universidade de Maine-Orono, nos Estados Unidos- organiza con periodicidade trianual un congreso internacional que lles dá oportunidade ás e aos galicianistas de todo o mundo de compartiren os seus traballos e de reflexionaren sobre a realidade galega.

1132 lecturas