Bos Aires acollerá o XI Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

Celebrarase do 6 ao 8 de maio na Universidad Nacional San Martín.

Imaxe do X Congreso da AIEG, celebrado en Gales. Foto: AIEG
Imaxe do X Congreso da AIEG, celebrado en Gales. Foto: AIEG
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2014.

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) celebrará a undécima edición do seu Congreso o vindeiro ano en Bos Aires, baixo o título de Os estudos galegos ante o cambio social e cultural: identidades na fronteira, emigración e exilio. Así, do 6 ao 8 de maio, na Universidad Nacional San Martín, investigadoras e investigadores chegados de distintos países afondarán nas relacións interculturais e as dinámicas de cambio social asociadas a elas, "unha constante na historia de todas as culturas" mais cun ritmo e incidencia incrementados nos últimos anos "polo proceso globalizador". A organización do Congreso salienta que "como resultado desta dinámica, foron aparecendo novos procesos que, polo seu carácter fronteirizo, son especialmente susceptíbeis de análise transcultural".

O Congreso busca servir de plataforma desde a que contribuír a desenvolver unhas liñas de diálogo de carácter transversal e transdisciplinar sobre Galicia, facéndoas extensibles a outros ámbitos periféricos e de minorías, e ao marco global en xeral. O principal obxectivo do XI Congreso da AIEG é contribuír ao proceso de apertura dos estudos galegos á análise dos fenómenos de transculturalidade e dos procesos de cambio social e cultural, tanto por medio da atención a obxectos culturais emerxentes como por medio da adopción de ferramentas de análise que favorezan as perspectivas comparadas.

As propostas para relatorios deben enviarse antes do 30 de setembro por correo electrónico ao enderezo secretariaAIEG@gmail.com. Está prevista a súa organización en seis paneis: 'Fenómenos de transculturalidade e hibridación: unha abordaxe multidisciplinar'; 'Literatura e movementos migratorios: diáspora e exilio'; 'O estudo do nacionalismo nos novos contextos globais'; 'Os procesos de cambio social e a reconfiguración das identidades culturais'; 'Contacto de linguas: variación e cambio lingüístico, multilingüismo e hibridación'; e 'Transculturalidade e tradución: as prácticas tradutivas en situación de conflito'. A AIEG solicita así mesmo propostas de paneis para o congreso sobre calquera outro tema relacionado cos estudos galegos que, na medida do posible, se adscriba á orientación temática do encontro.

 

Fonte: Praza Pública

1051 lecturas