O secretario xeral da emigración traslada ás entidades galegas do Brasil o impulso dos programas de apoio ao retorno postos en marcha pola Xunta e pediulles colaboración na súa divulgación
Antonio Rodríguez Miranda mantivo unha reunión cos e coas representantes destes centros informándolles tanto das convocatorias das bolsas para máster BEME como das destinadas á realización de cursos de FP para traballar en Galicia.
Tamén analizou con estas entidades as súas necesidades actuais e a programación das súas actividades futuras.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo nas últimas horas un encontro de traballo cos e coas representantes das entidades galegas do Brasil co obxectivo de coñecer as súas necesidades actuais e a programación das súas próximas actividades, no que tamén participou o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro. Durante esta reunión, o responsable do departamento autonómico tamén lles trasladou o impulso dos diferentes programas de apoio ao retorno postos en marcha pola Xunta de Galicia, e pediu a súa colaboración para divulgalos e que cheguen a todos os galegos e galegas do Brasil.
Durante esta reunión, a primeira de carácter presencial trala pandemia, o secretario xeral recordou que están abertas as axudas FP Retorna Mocidade, que permiten ás e aos galegos do exterior menores de 40 anos solicitar unha bolsa para cursar estudos de Formación Profesional en Galicia.
Trátase dun total de 54 bolsas, dotadas con 6.500€ cada unha delas, inclúen a viaxe desde o país de procedencia, o aloxamento e manutención na Comunidade galega e a subscrición dun seguro médico de ser o caso. As axudas van destinadas a cursar formación específica básica de Albanelería e fontanaría no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso, na Coruña; e de Fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións nos CIFP Universidade Laboral (Culleredo) e no Ferrolterra (Ferrol), a razón de 18 prazas en cada centro
Ademais, tamén informou ás e aos representantes das entidades, de que as universitarias e universitarios galegos do exterior tamén poden comezar xa a preparar a súa documentación para solicitar unha Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que lles permita realizar un máster nunha das tres universidades galegas.
Para iso, a Secretaría Xeral da Emigración conta cun servizo de axuda e acompañamento, de xeito que cando se convoquen novamente as 250 prazas a principios do próximo ano xa teñan toda a documentación necesaria para acompañar a solicitude. Reunir toda a documentación a miúdo ten dificultades, motivo polo que se presta este servizo de axuda que permite anticiparse.
A información sobre ambas convocatorias pode ampliarse a través da páxina web da Secretaría Xeral da Emigración.
Novas relacionadas