A mocidade do exterior xa pode solicitar bolsas para retornar a Galicia e cursar FP de nivel básico

A Xunta abre o prazo desta convocatoria, que incorpora por primeira vez esta modalidade de ensinanzas dentro do programa ‘Retorna Mocidade’.

Poderán beneficiarse 54 mozas e mozos que recibirá unha bolsa 6.500€ de apoio económico para a viaxe, o aloxamento e a manutención durante o próximo curso 22-23.

Cursarán formación específica básica de Albanelería e fontanaría no Centro Integrado de FP de Someso (A Coruña) e de Fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións no Universidade laboral (Culleredo) e no Ferrolterra (Ferrol).

O prazo de solicitude das bolsas de FP Retorna Mocidade está aberto ata o 3 de outubro
O prazo de solicitude das bolsas de FP Retorna Mocidade está aberto ata o 3 de outubro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2022.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria do programa Retorna Mocidade, a través do que a Xunta convoca 54 bolsas para a mocidade do exterior co fin de que cursen en Galicia estudos de Formación Profesional de nivel básico. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina un total de 351.000€ para o vindeiro curso académico 2022-23. 

As bolsas, dotadas con 6.500€ cada unha delas, inclúen a viaxe desde o país de procedencia, o aloxamento e manutención na Comunidade galega e a subscrición dun seguro médico de ser o caso. Os beneficiarios e beneficiarias recibirán un primeiro pagamento de 3.700€ no primeiro trimestre do curso (co único requisito de estar matriculada ou matriculado) e un segundo pagamento de 2.800€ no segundo trimestre da formación. Neste caso o alumno ou alumna deberá ter aprobado o 70% dos módulos cursados no primeiro trimestre.

Centros e requisitos
As axudas van destinadas a cursar formación específica básica de Albanelería e fontanaría no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Someso, na Coruña; e de Fontanaría, calefacción, electricidade e telecomunicacións nos CIFP Universidade Laboral (Culleredo) e no Ferrolterra (Ferrol), a razón de 18 prazas en cada centro. 

A convocatoria -en réxime de concorrencia competitiva- está dirixida á cidadanía galega residente no exterior que cumpra unha serie de requisitos como ser menor de 40 anos, posuír a nacionalidade española, acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. 

Ademais, é necesario ser emigrante nacida ou nacido en Galicia ou ter residido en Galicia de xeito continuado durante dez anos con nacionalidade española antes de emigrar, ou ser descendente por consanguinidade dunha persoa que cumpra algunha destas condicións e ter nacido no estranxeiro.  

Estratexia Galicia Retorna
Esta convocatoria, incluída dentro da Estratexia Galicia Retorna posta en marcha polo Goberno galego, busca incentivar o retorno das galegas e galegos do exterior, non só das e dos emigrados, senón tamén das e dos seus descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos seus fillos e fillas nos centros de Formación Profesional da Comunidade así como o acceso ao mercado laboral.  

Enmárcase, ademais, no paquete de accións deste tipo desenvolvidas ata o momento como son as bolsas para cursar estudos de FP de grao Superior e as Bolsas de Excelencia para a Mocidade Exterior (BEME), estas últimas da Secretaría Xeral da Emigración. 

939 lecturas