Miranda advirte de que hai que desconfiar dos partidos que queren volver impoñer o voto exterior sen garantías e avoga por un sistema seguro e transparente

O secretario xeral da Emigración advertiu dos riscos de regresar a un procedemento electoral que se modificou polas “sombras de dúbida” que arroxaba.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, advertiu esta mañá da necesidade de “desconfiar” daqueles partidos que propoñen recuperar o procedemento de voto exterior anterior ao actual, modificado en 2011 ante a falta de seguridade xurídica que xeraba no sistema político español e, nomeadamente, no galego. “Lévase varios anos traballando para mellorar ese sistema, e todos queremos convertelo nun sistema áxil, nun sistema seguro e nun sistema transparente, porque o voto dos cidadáns do exterior ten que ser digno, igual que o das persoas que votan aquí”, sinalou o titular do departamento autonómico. O modelo que saia da subcomisión creada no Congreso dos Deputados “ten que parecerse o máis posible a como votamos aquí”, instou o responsable de Emigración, que advertiu que, sen embargo, “hoxe atopámonos coa sorpresa dos últimos requebros na subcomisión do Congreso, onde se está tratando de facer unha proposta para a tramitación dunha lei xa firme para cambiar iso, e tanto Podemos como o PSOE queren volver ao sistema anterior, é dicir, queren volver a ese sistema que tiña tantas sombras de fraude”.

Desde o Goberno galego, engadiu, “o que queremos é cambiar o sistema para favorecer a participación, pero con garantías, o que non queremos volver nunca é a un sistema que xa se evidenciou que non se podía empregar porque tiña sombras de fraude. Eu, desde logo, desconfiaría daqueles que apoien volver a un sistema no que xa no seu día todo o mundo estaba de acordo en que había que modificalo porque había sombras de fraude”. “Aqueles que queren volver a ese sistema anterior que todos estivemos de acordo en cambiar terán que explicar cales son os seus argumentos e a súa motivación. E, se a explicación non é clara, cando menos teremos que sospeitar das súas intencións”, asegurou.

O modelo ao que defenden regresar Podemos e os socialistas limítase a enviar os sobres e as papeletas aos domicilios das e dos galegos e cidadás e cidadáns españois censados no exterior para que estes depositen o seu voto no interior e o envíen por correo ao órgano electoral en España, o que non garante que ese voto que chega fose emitido persoalmente por quen parece selo. O secretario xeral da Emigración avogou pola creación de preto dun milleiro de puntos de depósito de voto de xeito persoal e que permita comprobar a identidade desta ou deste votante, de xeito complementario que se manteña o voto por correo, e tamén a ampliación dos prazos para emitilo. Miranda lembrou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, xa insistiu na necesidade de que “os votos dos emigrantes teñen que vir a Galicia en urnas de cristal”.

494 lecturas