O secretario xeral da Emigración recibe a unha familia exemplo da Estratexia Galicia Retorna

Rodríguez Miranda analizou con eles a súa experiencia, xa que un deles foi bolseiro BEME e ambos, grazas ás axudas da Xunta, puxeron en marcha unha iniciativa emprendedora en Galicia.

Antonio Rodríguez Miranda, Belén Casal e Juan Montoro, na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Antonio Rodríguez Miranda, Belén Casal e Juan Montoro, na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión cunha familia procedente de Uruguai que vén a demostrar o éxito da Estratexia Galicia Retorna posta en marcha pola Xunta de Galicia.

Deste xeito, Belén Casal e Juan Montoro, chegaron a Galicia dende Uruguai grazas a unha bolsa BEME que lle permitiu a Belén completar a súa formación de excelencia na nosa comunidade autónoma, decidindo traer consigo á súa parella e á filla pequena de ambos.

Segundo informaron ao secretario xeral, aportando a experiencia laboral coa que xa contaban en Uruguai, decidiron poñer en marcha unha empresa de Branding dedicada a axudar a marcas e organizacións a construír a súa identidade na rede denominada “In”. Para a posta en marcha desta iniciativa en Galicia solicitaron unha axuda á Secretaría Xeral da Emigración a través da liña de Axudas a Emprendedores Retornados. Actualmente traballan tanto para clientes no seu país de procedencia como para diferentes marcas de toda Europa.

“Estamos a falar de dúas persoas, unha galega retornada e a súa parella con cidadanía europea, que decidiron poñer en marcha na nosa terra a súa empresa xerando así emprego e riqueza. Son un exemplo do que supón a Estratexia Galicia Retorna para a Xunta de Galicia, a recuperación da nosa demografía así como a aportación á nosa sociedade de novo talento e creatividade”, engadiu o secretario xeral. 

969 lecturas