O secretario xeral da Emigración participou hoxe no coloquio posterior á retransmisión, vía telemática, da obra “O charco de Ulises” producida polo Centro Dramático Galego
Antonio Rodríguez Miranda destacou durante a súa intervención a importancia de que se transmita, a través deste clásico da literatura universal, a epopea da emigración galega.
No coloquio participou tamén o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, así como o elenco da obra e os seus directores, Santiago Cortegoso e Marián Bañobre.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe no coloquio posterior á retransmisión vía telemática da obra O charco de Ulises que está a representarse no Salón Teatro de Santiago de Compostela, producida polo Centro Dramático Galego da Xunta de Galicia.
Deste xeito, hoxe, de xeito único e por primeira vez, os interesados e interesadas puideron disfrutar desta obra de teatro de forma telemática a través dunha transmisión en directo. Posteriormente, tamén puideron ver, e participar a través dun chat, do coloquio no que se analizou a importancia desta historia que revisa a Odisea dende a perspectiva da emigración galega, situando o clásico de Homero nun contexto trasatlántico.
Nesta charla participaron, ademais do secretario xeral, as e os membros do equipo de O charco de Ulises, o director do CDG, Fran Núñez e os directores da obra, Santiago Cortegoso e Marián Bañobre.
Rodríguez Miranda destacou a importancia de poder achegar, do xeito telemático elixido hoxe, esta obra de teatro aos galegos e galegas do exterior, xa que “estamos a falar de teatro galego que representa a epopea universal da emigración galega a través dun clásico da literatura tamén universal”.
O charco de Ulises é a primeira produción propia da actual tempada do Centro Dramático Galego, e a súa trama discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos pero a idea do regreso á patria non o abandona nunca. Así, a proposta cambia Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Novas relacionadas






