O Centro Dramático Galego viaxa a América para representar en Uruguai, como primeira etapa, a obra ‘O charco de Ulises’

A peza dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso representouse onte, en dúas funcións, no Auditorio Nelly Goitiño de Montevideo.

Na estrea estiveron presentes o director do CDG, Fran Núñez, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, así como o ministro de Cultura do Uruguai, Pablo da Silveira, e o embaixador de España, José Javier Gómez-Llera, e a cónsul xeral, María Victoria Scola.

A xira desta obra que revisa a 'Odisea' de Homero dende a perspectiva da emigración galega continúa hoxe no Teatro Astral de Bos Aires, na Arxentina.

  • Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
    Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
  • Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
    Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
  • Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
    Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
  • Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
    Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
  • Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
    Imaxe da estrea de 'O charco de Ulises' en Montevideo
Listen to this page using ReadSpeaker
Montevideo (Uruguai), 2 de decembro de 2021.

O Centro Dramático Galego representou onte, por primeira vez no Uruguai, a produción O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, no auditorio Nelly Goitiño-Sala Héctor Tosar, en dúas funcións que encheron o aforo permitido. Na tarde de hoxe representarase no Teatro Astral de Bos Aires, na Arxentina. 

A representación, apoiada pola Secretaría Xeral da Emigración, é unha adaptación da Odisea de Homero ao contexto da emigración galega transatlántica. A trama do texto, escrito por Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.

Na representación teatral en Uruguai estiveron presentes o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez, acompañados do ministro de Educación e Cultura do país, Pablo da Silveira, así como do embaixador de España neste país, José Javier Gómez-Llera y García Nava, e da cónsul xeral de España en Uruguai, María Victoria Scola Pliego. 

O charco de Ulises estreouse en España o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. Naquel momento, froito tamén da colaboración entre o CDG e a Secretaría Xeral da Emigración, ofreceuse unha función en liña deste espectáculo que foi seguida a través de 800 dispositivos conectados desde 18 países de catro continentes.

Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero. 

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira. 

289 lecturas