Emigración apoia a representación de “O charco de Ulises”, unha revisión da “Odisea” de Homero dende a perspectiva da emigración galega
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu esta tarde no Salón Teatro de Santiago de Compostela, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, á estrea da primeira produción propia da actual tempada do Centro Dramático Galego, O charco de Ulises, un espectáculo de gran formato dirixido por Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, que revisa a Odisea dende a perspectiva da emigración galega, situando o clásico de Homero nun contexto trasatlántico.
A trama do texto escrito por Cortegoso discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Ulises permanece errante durante dez anos pero a idea do regreso á patria non o abandona nunca. Así, a proposta cambia Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico. Á estrea no Salón Teatro seguirán outras 18 funcións ata o 31 de xaneiro. Tras a súa estadía en Santiago de Compostela, O charco de Ulises retomará as representacións nunha xira por distintos escenarios galegos durante os meses de novembro e decembro de 2021.
Novas relacionadas




