O secretario xeral da Emigración coñece a nova directiva da Asociación de Empresarios Galegos en Brasil

Rodríguez Miranda mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia para detallar as accións que esta entidade quere por en marcha para achegar Galicia e Brasil de xeito institucional, financeiro e económico.

Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede de Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, coñeceu hoxe a nova directiva da Asociación de Empresarios Galegos en Brasil (Aegasp), con quen analizou por videoconferencia as accións que queren por en marcha para achegar Galicia e Brasil de xeito institucional, financeiro e económico.

A nova directiva da Aegsp está conformado polo presidente, Felipe Pousada, o vicepresidente primeiro, Ricardo Álvarez, a vicepresidenta segunda, María Ester Rodríguez Rancaño, e os secretarios Emily Daparte e Carlos Fernández dos Santos. A tesoureira é Katia Cristina Gutiérrez e o director xurídico, Eduardo Alves. 

Tal e como lle expuxeron ao secretario xeral da Emigración, esta asociación está conformada por persoas vinculadas as entidades galegas do Estado de São Paulo, aínda que están a traballar para que máis galegas e galegos doutros lugares do país formen parte da mesma. 

Este estado é o responsable do 32% do PIB de Brasil, cunha das principais metrópoles financieira do Ibeoamérica, mentres o porto de Santos é o máis grande e con máis movemento de Latinoamérica, sendo responsable do 25% do comercio exterior de todo Brasil. 

Entre os obxectivos da asociación, tal e como lle trasladaron a Rodríguez Miranda, atópase establecer unha cooperación institucional que sirva para mellorar as relacións comerciais entre Galicia e esta puxante rexión de Brasil que conta cunha ampla colectividade galega. 

Ademais, as empresarias e empresarios galegos de Brasil tamén aseguraron o seu interese por participar activamente no Xacobeo 21, colaborando para o éxito do Ano Santo.

En Brasil residen actualmente un total de 49.467 habitantes de orixe galega, erixíndose no segundo país do mundo con máis presenza galega, segundo os datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro ( PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2020 polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

430 lecturas