Miranda pide ás e aos empresarios galegos do Brasil que convertan o Xacobeo 2021 na súa “marca de identidade e o selo de calidade de todos os galegos” do país suramericano

O secretario xeral da Emigración iniciou a súa primeira viaxe do ano cunha xuntanza co cónsul de España en Río, Luis Prados Covarrubias, á que tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

  • Antonio Rodríguez Miranda, Luis Prados Covarrubias e Valentín García, durante a reunión celebrada en Río de Xaneiro
    Antonio Rodríguez Miranda, Luis Prados Covarrubias e Valentín García, durante a reunión celebrada en Río de Xaneiro
  • De esquerda a dereita: a presidenta de Recreio dos Anciãos, Regina Jallas; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Camila Fernández y Fernández, presidenta da Aegal-Rio; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o vicepresidente de Aegal-Rio, Francisco Antonio Guede Rivas
    De esquerda a dereita: a presidenta de Recreio dos Anciãos, Regina Jallas; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; Camila Fernández y Fernández, presidenta da Aegal-Rio; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o vicepresidente de Aegal-Rio, Francisco Antonio Guede Rivas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, invita aos empresarios galegos e galegas do Brasil a ser partícipes dun dos eventos máis relevantes que terá lugar o vindeiro ano en Galicia, o Xacobeo 2021, e cuxa repercusión se estenderá a todo o mundo. Na súa primeira parada no país suramericano o responsable do departamento autonómico mantivo un encontro coa Asociación de Empresarios Galegos de Río de Xaneiro (Aegal-Rio) na que lles pediu que aporten o seu gran de area para abrir as portas do Brasil ao Xacobeo 2021. 

“Sodes vós, unha das caras máis visibles da galeguidade grazas ao voso esforzo e traballo, quen mellor representades algúns dos valores que mellor definen aos galegos. E, por esa mesma razón, sodes tamén os embaixadores que o Xacobeo 2021 precisa no ámbito comercial. Entre todos debemos converter o vindeiro Ano Santo na nosa mellor marca de identidade e o selo de calidade de todos os galegos, os da Galicia territorial e os que residen no resto do mundo”, sinalou Miranda. O responsable de Emigración quixo, ademais, estender esta invitación ás empresarias e empresarios galegos de todo O Brasil.

Xuntanza con representantes do Goberno español
Pouco antes o secretario xeral da Emigración marcaba o inicio da súa axenda oficial xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, cunha reunión co cónsul de España en Río de Xaneiro, Luis Prados Covarrubias, e o xefe da Oficina de Empleo y Seguridad Social da Embaixada de España, Antonio Casas. Na xuntanza, que se enmarca dentro do estreito contacto que mantén o Goberno galego coas e cos representantes do español no Brasil, puxeron sobre a mesa proxectos de cooperación de cara os vindeiros meses. Tamén as relacións institucionais coas autoridades de São Paulo acapararán parte da axenda oficial de Miranda, quen iniciará a visita á cidade cunha xuntanza co alcalde, Bruno Covas e, a continuación, coa que manterá co cónsul xeral, Ángel Vázquez Díaz de Tuesta.

A axenda institucional continuará coa sinatura de varios acordos en materia de atención social aos galegos e galegas residentes no país suramericano e a presentación das diferentes medidas recollidas na Estratexia Retorna 2020 para facilitar o retorno á comunidade autónoma das galegas e os galegos residentes no exterior. 

293 lecturas