O secretario xeral da Emigración acompaña ás e aos participantes do programa Reencontros co Xacobeo na visita ao Mosteiro de Oseira (San Cristovo de Cea)
Esta iniciativa, na que participan galegas e galegos de máis de 65 anos vinculados a entidades do exterior, ten como obxectivo difundir o Camiño de Santiago e o fenómeno do Ano Santo.
As e os participantes neste grupo están a realizar a ruta da Vía da Prata en pequenos tramos ata chegar o domingo a Santiago de Compostela.
As e os participantes do programa Reencontros co Xacobeo da Secretaría Xeral da Emigración foron hoxe recibidos no Mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. Na visita estiveron tamén acompañdas e acompañados polo alcalde do municipio, José Luis Valladares.
Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas de entre máis de 65 anos vinculadas ás entidades galegas do exterior.
Miranda acompañounas e acompañounos na visita a este emblemático mosteiro e coñeceu as súas historias persoais de vida no exterior, trasladándolles o agradecemento da Xunta de Galicia por participar nesta iniciativa e volver á terra para coñecer o Camiño de Santiago e, posteriormente, difundilo nos seus países de residencia.
O grupo, procedente de diferentes países de América e Europa, así como de distintas comunidades autónomas, está a realizar pequenos tramos da ruta da Vía da Prata, dada a elevada idade dalgunha e dalgún dos participantes, ata chegar o próximo domingo ata a praza do Obradoiro. O resto das e dos 140 beneficiarios deste programa atópase facendo o Camiño Portugués e hoxe visitaron o casco vello de Vigo. Ambos grupos alóxanse nas residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón.
O obxectivo é que, unha vez vivida a experiencia, as e os participantes colaboren como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que os centros teñen a súa sede.
Novas relacionadas