Chegan a Galicia os case 200 galegos e galegas do exterior que realizarán o Camiño de Santiago dentro do programa Conecta co Xacobeo da Secretaría Xeral da Emigración
Esta iniciativa, na que volven participar galegas e galegos procedentes de países americanos trala pandemia, ten como obxectivo difundir o Camiño de Santiago e o fenómeno do Ano Santo.
As e os participantes realizarán os últimos 100 quilómetros do Camiño Portugués e da Vía da Prata en diferentes etapas.
- Imaxe da chegada das e dos participantes procedentes da Arxentina
- Imaxe da chegada das e dos participantes procedentes do Brasil
- Imaxe da chegada das e dos participantes procedentes do Uruguai
- Imaxe da chegada das e dos participantes procedentes de Cuba e Venezuela
- Imaxe da chegada das e dos participantes procedentes de Canarias
As e os case 200 participantes do programa Conecta co Xacobeo da Secretaría Xeral da Emigración, procedentes de diferentes países de América e Europa, así como de distintas comunidades autónomas, chegaron hoxe ata os aeroportos de Santiago de Compostela e Vigo, iniciando mañá domingo a súa peregrinación ata chegar o próximo domingo ata a praza do Obradoiro.
Esta iniciativa ten como obxectivo promover os lazos con Galicia e coa súa cultura a través do Camiño de Santiago das persoas de entre 18 e 64 anos vinculadas ás entidades galegas que existen tanto no resto das comunidades autónomas españolas como nos países europeos. Este ano vólvese a abrir a convocatoria tamén aos galegos e galegas residentes nos países americanos.
A metade das e dos participantes realizará durante esta semana o Camiño Portugués dende O Porriño e, o resto, a Vía da Prata dende Ourense.
O obxectivo é que, unha vez vivida a experiencia, as e os participantes colaboren como axentes activos na promoción e difusión do Camiño de Santiago e do fenómeno do Ano Santo Xacobeo nos lugares en que os centros teñen a súa sede.
Este programa, que conta cunha dilatada traxectoria, desenvolveuse o ano pasado e o actual centrados no Ano Santo de cara a promocionar o Xacobeo sen perder o espírito de reencontro con Galicia co que naceu esta iniciativa fai máis de 30 anos.
Novas relacionadas