O próximo luns remata o prazo para a solicitude de axudas para o funcionamento e as actividades das entidades galegas do exterior ante as circunstancias covid

A Secretaría Xeral destina a este programa un orzamento de 1,2 millóns de euros, duplicando as cifras do ano pasado de cara a paliar os problemas causados pola pandemia, abríndose a convocatoria á posta en marcha de accións de especial relevancia e promoción do Ano Santo Xacobeo.

Na imaxe, a Agrupación Cultural Aires da Terra da Hermandad Gallega de Valencia (Venezuela)
Na imaxe, a Agrupación Cultural Aires da Terra da Hermandad Gallega de Valencia (Venezuela)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda recordou hoxe que o próximo luns, día 8 de marzo, remata o prazo para solicitar a nova liña de axudas para as entidades galegas do exterior destinada a gastos de funcionamento, proxectos culturais da xuventude e accións de promoción do Ano Santo Xacobeo, adaptándoas as circunstancias da covid-19.

Como novidades, este ano poderanse acoller a esta liña de axudas todas as entidades, sen diferencia pola súa tipoloxía: as comunidades galegas, centros colaboradores da galeguidade, centros de estudo e cultura galega, así como federacións de entidades e redes sociais.

Esta convocatoria conta con tres liñas: funcionamento, posta en marcha de proxectos e desenvolvemento de accións relativas ao Ano Santo. O orzamento é de 1,2 millóns de euros, dos que 800.000 diríxense directamente á primeira destas liñas, debido á situación da covid-19, que reduciu enormemente a capacidade económica destes centros, moitos deles coa súa restauración pechada e as súas actividades paralizadas ou executadas vía telemática. 

En segundo lugar, estas subvencións tamén van dirixidas para a posta en marcha de proxectos culturais, sociais, de accións informativas e actividades promovidas pola mocidade. Finalmente, e como outra novidade desta convocatoria, a terceira liña destas axudas ten como obxectivo axudar á posta en marcha de accións de especial relevancia e promoción do Ano Santo Xacobeo.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, ata o próximo 8 de marzo, e as entidades poderán solicitar ata o 80% do investimento total. 

O secretario xeral da Emigración, Rodríguez Miranda, destacou que “queremos chegar a todas as entidades nestes momentos de pandemia con todos os recursos dispoñibles”.

855 lecturas