O próximo 9 de xullo celebrarase o VI Día da Galicia Exterior en Santiago de Compostela

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, trasladou a data a tódolos centros galegos do mundo animándoos a participar nunha cita lúdica e festiva que se agarda “histórica”.

Esta xornada telemática foi seguida por máis de 150 representantes dos galegos e galegas nos diversos países de América e Europa, así como das diferentes comunidades autónomas.

Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia na que anunciou a data da celebración do VI Día da Galicia Exterior
Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia na que anunciou a data da celebración do VI Día da Galicia Exterior
Anuncio da celebración do VIº Día da Galicia Exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou esta tarde, a través dunha reunión telemática, a tódolos centros galegos do mundo a data de celebración do VI Día da Galicia Exterior, que terá lugar o próximo 9 de xullo en Santiago de Compostela.

Neste encontro estiveron tamén presentes o delegado da Xunta na Arxentina e Uruguai, Alejandro López Dobarro, así como os subdirectores de Coordinación Administrativa e de Relacións coas Comunidades Galegas, Antonio Casas e Isabel Martínez Pellicer, así como o xefe do Servizo de Promoción das Entidades Galegas, José Iglesias de la Fuente. Esta videoconferencia foi seguida por máis de 150 representantes dos galegos e galegas do exterior, así como tamén polos traballadores e traballadoras das Delegacións da Xunta en Arxentina e Uruguai e polas e polos funcionarios da Secretaría Xeral da Emigración.  

Esta é a gran celebración coa que Galicia homenaxea ás galegas e galegos do exterior no Ano Santo, convidando a todas e todos eles a participar nunha xornada lúdica e festiva de convivencia, que se agarda sexa “histórica”.

A celebración do VI Día da Galicia Exterior terá lugar, como é habitual, en Ano Santo. O pasado 2021 tivo que ser adiada a causa da pandemia, aproveitando a ampliación da festividade a 2022, e de cara a poder garantir a presenza en Compostela do maior número de representantes das agrupacións culturais das entidades galegas do exterior durante esa xornada.

Agárdase que, como en edicións anteriores, e se a situación sanitaria o permite, moitas e moitos miles de galegos afincados en diferentes países de América e Europa, así como das diferentes comunidades españolas, poidan compartir e celebrar a cultura galega ese día e reencontrarse coas súas orixes. No evento tamén participarán as e os peregrinos e turistas que enchan as rúas ese día, no que se poderán ver diferentes agrupacións culturais de baile e música galega por todo o casco vello compostelán, mostrando así o traballo continúo que se fai pola tradición galega en distintos recunchos do planeta. 

“Desexamos contar con tódolos nosos galegos do exterior nesa data, porque supón un recoñecemento importante a quen, na distancia, mantén a tradición de Galicia en todo o mundo”, explicou Rodríguez Miranda. “A situación da pandemia que vivimos estes últimos anos impediu que se puidera celebrar este día o pasado 2021, pero este ano agardamos que todo sexa moi diferente e que se converta nunha auténtica festa en tódolos sentidos, de confraternidade e celebración das nosas raíces e de volver a sentirnos preto uns de outros”.

586 lecturas