O Parlamento de Galicia aproba a Lei de Galeguidade, nacida do consenso coas comunidades galegas no exterior
A nova normativa engadiu no seu debate parlamentario a regulación da condición de persoa emigrante retornada.
O novo texto lexislativo preserva o patrimonio das Comunidades Galegas no Exterior, dá pulo á muller e á xuventude, e consolida as prestacións socioasistenciais á diáspora.
O texto lexislativo –que substitúe ao de 1983, pioneiro no seu momento na lexislación nacional- fomenta a unión entre entidades para a mellora dos servizos que prestan as entidades e a eficiencia no investimento dos recursos.
Asemade, recoñece a necesidade de aproveitar as comunidades no exterior para axudar á proxección económica de Galicia.
O Parlamento de Galicia vén de aprobar no seu plenario de hoxe a nova Lei de Galeguidade, que substituiría á vixente desde 1983 e que foi pioneira na súa materia en toda España, e cuxo proxecto naceu do amplísimo consenso emanado da última xuntanza do Consello das Comunidades Galegas, que tivo lugar o pasado verán en Compostela.
Durante o seu debate no hemiciclo autonómico, o grupo maioritario aceptou a transacción de máis de medio centenar de emendas, redactadas no texto definitivo. Entre as melloras introducidas no trámite parlamentario, cabe salientar o engadido da regulación da figura da persoa retornada, a iniciativa do Grupo Parlamentario Popular.
Así, o texto clarexa con exactitude quen pode acollerse a esta denominación, ata o de agora sen definición legal concreta, e asimila en dereitos a cónxuxes e descendentes en primeira orde, sempre e cando se reúnan os requisitos establecidos na propia Lei.
Entre os eixos da nova Lei, cabe destacar a incorporación ao seu articulado da importancia das comunidades galegas no exterior como axuda á proxección económica de Galicia. Tamén cómpre salientar, como outro dos aspectos clave do novo texto legal, a preservación do patrimonio material e inmaterial das entidades galegas.
Unión e mellora
Faise fincapé asemade na conveniente unión dos centros da diáspora, para poderen seguir garantindo as súas prestacións, sobre todo as socioasistenciais, que son as máis relevantes para os galegos e as galegas da diáspora, e tamén para as entidades galegas no exterior. Neste senso, o fomento da unión entre entidades, que recolle o texto, persegue a mellora dos servizos que prestan as entidades e a eficiencia no investimento dos recursos.
O texto reflicte e fomenta o papel histórico e de presente das mulleres na Emigración galega, e a necesidade da súa participación plena no ámbito da Galeguidade. Igualmente, fai un recoñecemento ás mozas e mozos, garantes da permanencia da chama da galeguidade en moitos lugares do planeta, e necesarios para a renovación xeracional.
Plásmanse ademais no proxecto as novas posibilidades de relación que abren as novas tecnoloxías entre a Xunta e os seus administrados e administradas, vivan estes ou estas onde vivan, e nese aspecto estipúlase a necesidade de afondar nesa vía para fortalecer a relación entre as moitas Comunidades Galegas do Exterior e a Galicia territorial.
Máis do 15% dos galegos e das galegas
Segundo os datos do INE, preto de 450.000 persoas galegas viven fóra da Galicia territorial, espalladas polos cinco continentes, sen contar cos e coas residentes noutras Comunidades Autónomas españolas. Daquela, a nova Lei atinxe a máis do 15 por cento do total de cidadás galegas e cidadáns galegos, que residen fóra de España.
Desta ampla diáspora, o 93 por cento concéntrase en once países, sete americanos (Arxentina, Venezuela, Brasil, Uruguai, Cuba, Estados Unidos e México) e catro europeos (Suíza, Francia, Alemaña, e Reino Unido). Estatisticamente falando, cómpre salientar que preto da terceira parte da diáspora galega reside na cidade autónoma arxentina, e provincia, de Bos Aires.
Novas relacionadas




