Camba presenta ás entidades galegas en Alemaña os eixos fundamentais da nova Lei de Galeguidade
A preservación do patrimonio e a consolidación da asistencia sociosanitaria consolídanse como as prioridades no novo texto lexislativo.
O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, reuniuse onte en Frankfurt am Main (Alemaña) cos presidentes das entidades integradas na Coordinadora Federal de Asociacións Galegas en Alemaña, para presentarlles o proxecto de reforma da Lei de Galeguidade, e coñecer as necesidades dos centros que representan.
A xuntanza, na que tamén estivo presente o xefe de gabinete da Secretaría Xeral e coordinador do texto lexislativo, Ildefonso de la Campa, desenvolveuse no Centro Cultural Galego da cidade alemá, e supón un paso máis na xira que ambos realizan por todo o mundo para recoller as opinións e achegas dos representantes da diáspora galega.
Camba tivo oportunidade de explicar aos presidentes integrados na Coordinadora da República Federal os eixos fundamentais da nova Lei de Galeguidade, que substituiría á vixente desde 1983, e que foi pioneira na súa materia en toda España. Nesa reforma traballa arreo o seu departamento desde hai meses, e se agarda que conte cun amplo consenso e respaldo das comunidades galegas no exterior, e que poda elevarse á súa tramitación parlamentaria canto antes.
Entre os eixos da nova Lei, Camba destacou como aspectos clave do novo texto legal, a preservación do patrimonio material e inmaterial de moitos centros galegos no exterior, nomeadamente aqueles encravados en países con serias dificultades económicas. E, por suposto, o mantemento e consolidación da rede de asistencia sociosanitaria aos galegos e as galegas no exterior.
Unidade entre os centros
Fixo fincapé asemade na posible fusión daqueles centros que, por mor do envellecemento ou falta de relevo xeracional entre a directiva, están a esmorecer paseniño. Para o máximo responsable de Emigración no Executivo galego, os centros na diáspora deben unirse para poder seguir garantindo prestacións recreativas, pero sobre todo socio asistenciais e sanitarias, que son as máis relevantes para o Goberno galego e tamén para as entidades, así como –o máis importante- para as propias persoas beneficiarias, as galegas e os galegos da diáspora.
Novas relacionadas