O Parlamento Europeo acolle dende hoxe unha mostra sobre a peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente do Intergrupo do Parlamento Europeo Camiños de Santiago, Francisco Millán Mon inauguraron hoxe a exposición titulada O signo da Tau e da Vieira. De Asís a Santiago de Compostela seguindo a San Francisco.

A mostra poderá visitarse nas dependencias do Parlamento Europeo e enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

  • En 2014 conmemórase o oitavo centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela
    En 2014 conmemórase o oitavo centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela
  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, na inauguración da mostra
    A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, na inauguración da mostra
  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, na inauguración da mostra
    A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, na inauguración da mostra
Listen to this page using ReadSpeaker
Bruxelas, 28 de xaneiro de 2014.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o presidente do Intergrupo do Parlamento Europeo Camiños de Santiago, Francisco Millán Mon inauguraron hoxe nas dependencias do Parlamento Europeo a exposición O signo do Tau e da Vieira. De Asís a Santiago de Compostela seguindo a San Francisco, que se enmarca no actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Á inauguración acudiron un notable número de eurodeputados e eurodeputadas e de funcionariado do Parlamento e doutras institucións da Unión Europea.

Trátase dunha mostra que ilustra o percorrido entre a cidade italiana de Asís e Santiago de Compostela incidindo nos lugares e signos franciscanos. O presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e catedrático de Cultura Hispánica da Universidade de Perugia, Paolo Caucci Von Saucken é o comisario desta exposición.

Durante o acto inaugural, a directora de Turismo explicou que San Francisco de Asís ten contribuído coa súa vida e obra a que Santiago de Compostela sexa hoxe un destino de peregrinación mundial. “O santo de Asís entendeu o Camiño non como unha meta, senón como o principio dunha peregrinación e o comezo dunha nova vida na que todos somos peregrinos”, matizou.

Segundo explicou Nava Castro, o legado espiritual de San Francisco permanece intacto nestes oito séculos e entronca coa tradición xacobea, conformando parte do noso imaxinario colectivo. “Foi na basílica compostelá onde, tras pasar a noite en oración, lle foi revelado a San Francisco que a súa Orde debía ocupar moitos lugares no mundo. Así, o santo comezou a fundar conventos”, comentou.

Galicia conmemora entre 2013 e 2015 o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. En 1987, o Consello de Europa declarou o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. O recoñecemento ao labor de cohesión, de intercambio cultural e de construción da Europa de hoxe.

Segundo comentou a directora de Turismo, coa celebración deste centenario, Galicia quere converterse no epicentro cultural e seguir sendo a terra de acollida e de hospitalidade que nos imprime ser a meta dos Camiños Xacobeos.

O eurodeputado Francisco Millán Mon subliñou que cando este Parlamento comezaba a súa lexislatura en 2009, albergou a exposición, Olladas no Camiño, e, de novo, o Parlamento Europeo, precisamente cando esta lexislatura está preto de concluír, acolle unha exposición sobre os Camiños de Santiago. Neste sentido incidiu nos estreitos vínculos entre a construción de Europa e a ruta a Compostela.

Doutra parte, o eurodeputado galego destacou a enorme actualidade de San Francisco, un auténtico “adiantado ao seu tempo” tanto pola súa visión conciliadora do home e da natureza, como polos valores que personifica, a humildade e a solidariedade, valores necesarios nun momento de crise.

Millán Mon puxo tamén de relevo o impulso renovador da doutrina cristiá que achegou San Francisco no século XIII, ao tempo que destacou a necesidade de proseguir as reformas na Unión Europea, en especial para reforzar a unión económica, como esixe a unión monetaria.

A través das 46 fotografías e os dous paneis explicativos desta mostra, pódense interpretar os signos da peregrinación e entender por que o fenómeno xacobeo transcendeu os tempos e os espazos e é, a día de hoxe, o Camiño que fixo Europa.

A mostra forma parte do itinerario que comezou en agosto en Asís e que continuará ata Compostela. O proxecto expositivo intégrase nas múltiples actividades culturais, expositivas, científicas, artísticas e congresuais que se celebran en Galicia para conmemorar esta efeméride.

En imaxes
1049 lecturas