O Nacional faise máis galego

O club uruguaio ten dende este xoves dúas sedes na Costa de Morte.

Foto: La Voz de Galicia.
Foto: La Voz de Galicia.
Listen to this page using ReadSpeaker
Carballo, 9 de novembro de 2012.

O Club Nacional de Montevideo fíxose este xoves máis galego. A entidade, que se fundou en maio de 1899, inaugurou unha nove sede na Costa da Morte e xa son dúas. A primeira creouse en Malpica e a segunda está na Bugalleira (Ponteceso).

O promotor desta nova entidade é o directivo do equipo Carlos Fernández, que adoita realizar frecuentes viaxes a Bergantiños. O pasado xoves actuou de mestre de cerimonias nun acto sinxelo pero con moito sentimento por parte das persoas asistentes. Mesmo o presidente do equipo, Ricardo Alarcón, interveu en directo vía telefónica na inauguración da nova sede, á que se achegaron varias e varios emigrantes uruguaios que residen en Galicia e que viviron o momento con emoción.

Antes, Carlos Fernández, vestido co chándal do Nacional, fora recibindo ás persoas simpatizantes, e ás e aos afeccionados que se achegaron ata A Bugalleira. Alí estaba tamén o presidente da Peña de Malpica, Walter Calvo; os cónsules do Nacional na Coruña, Gonzalo Rico, e en Carballo, Federico Acosta, así como o ex-xogador do Celta e Deportivo, o uruguaio Gustavo Loureiro, entre outros.

O edificio da nova sede é do propio Carlos Fernández, que á entrada instalou senllas placas de cerámica nas que se fan constar as seguintes inscricións: «Rey de Copas. Club Nacional de Fútbol. Montevideo-Uruguay» e «Bugalleira 5». En ambas as dúas aparece o escudo do club tricolor.

O escudo do conxunto montevideano tamén loce no centro da fachada do inmobles. É de maiores dimensións que as anteriores e na parte superior pódese ler «Estadio: Gran Parque Central. Palco 26», mentres que na inferior pon: «Canto Tricolor. Montevideo-Uruguai. Carlos Fernández». Ademais tres enormes bandeiras do Nacional iluminaban a entrada da casa e no seu interior encontrábanse por todas as partes alusións gráficas ao equipo.

O acto congregou unha vintena de persoas, que esperaban ansiosas as palabras do presidente. Ricardo Alarcón comezou a súa intervención dende Montevideo ás 15,20 h. e falou durante 20 minutos. Empezou dicindo que boa parte das e dos uruguaios teñen algún ascendente galego ou galega e que, por iso, sentía unha emotividade especial polo que estaba a acontecer na Bugalleira. Recordou a súa estanza en Malpica, onde di que descubriu algún marisco, e rematou que «onde hai un siareiro do Nacional, hai un irmán».

Seguidamente Ricardo Alarcón puido comunicarse co meta Munúa, na actualidade no Levante, e que deixou claro que segue moi unido ao club uruguaio. Walter Calvo, Gonzalo Rilo ou Paco Abella, un profesor malpicán, interviñeron para dar mostra do seu coñecemento e paixón polo Nacional. Finalmente, o cura Aquilino Fernández bendiciu o local.

 

Fonte e foto: La Voz de Galicia

859 lecturas