Persoas uruguaias e galegas estrean sede social e cultural

O local encóntrase na avenida do General Sanjurjo da Coruña.

Listen to this page using ReadSpeaker
3 de novembro de 2011.

«Integrar uruguaios e galegos e mostrar noso agradecemento a Galicia». Isto formula José María Acosta como un dos principais obxectivos do novo centro social e cultural Uruguai-Galicia, do que é presidente e impulsor. As bandeiras unidas de ambos os dous países lucirán en breve na fachada da sede situada no primeiro C do número 189 da avenida do General Sanjurjo. Acosta, que leva 18 anos «acá», mostra un local que teñen previsto que sexa inaugurado a mediados deste mes. A este novo centro están a empezar a acudir, sobre todo os fins de semana, tanto uruguaios e uruaguais que viven na cidade coma galegos e galegas que no seu día foron emigrantes naquel país e un bo número de matrimonios mixtos. «Estiven a mirar e hai catro anos en Coruña había 1.650 uruguaios, pero agora moitos están regresando», explica a vicepresidenta da nova entidade, María Teresa Berretta Dellacasa. Ela ten unha ampla experiencia sobre emigración: «Os meus pais eran italianos e coa guerra marcharon a Uruguai; agora, eu vinme aquí cos meus fillos». Sobre ese regreso ao país de orixe achegan un dato: «Cada mes regresan a Uruguai unhas 300 persoas, sobre todo de España, Estados Unidos e Arxentina, e somos un país pequeno, de menos de catro millóns de habitantes,». Entre os elementos da decoración do novo centro social e cultural hai uns carteis mostrando como facer mate, ademais de bandeiras, bustos e mapas alusivos a ambos os dous países. Polo momento están programadas xa dúas actividades: clases de tango e de taekuondo, aínda que a idea é «impartir coñecementos da historia uruguaia e da influencia de España, que á fin e ao cabo está detrás de todo,» conclúen tras mostrar os carnés que están a recibir todos aqueles e aquelas que se van facendo socios e socias.

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia

1153 lecturas