Un imperio gastronómico galego en Brasil

O lucense Belarmino Fernández Iglesias chegou a Santos en 1951 e, con moito traballo, converteuse no dono dunha rede de restaurantes que non para de crecer.

Listen to this page using ReadSpeaker

Sesenta anos despois de chegar á cidade brasileira de Santos con tan só un dólar no peto, o lucense Belarmino Fernández Iglesias é hoxe o dono do Grupo Rubaiyat, unha rede de restaurantes que non para de crecer. Xunto ao seu fillo, que tamén se chama Belarmino, mantén tres establecementos en Sao Paulo, un en Buenos Aires e outro en Madrid. O empresario galego ten plans de inaugurar un cuarto local en Brasil e ten o soño de abrir un restaurante en Galicia.

Recentemente, Belarmino fillo visitou as posesións da familia en Lugo. «En Rosende temos o pazo de Rivas, que é onde traballaban o meu pai e os meus avós nos anos cincuenta. Eran pobres, pero xamais renegamos das nosas orixes. Ao contrario, é a lección que tento transmitir aos meus fillos», conta. No pazo crearon a Fundación Belarmino Fernández, cunha escola de hostalaría para formar aos residentes na zona.

Nos seus establecementos, a familia promociona os produtos galegos, como o viño que producen no pazo en Lugo. A bebida é un éxito en Madrid e principalmente en Sao Paulo. «Vólvense tolos con el, porque é moi fresco e a súa acidez vai moi ben con ese clima», explica o fillo de Belarmino Fernández. Ter un restaurante do imperio Rubaiyat en Galicia aínda é só un soño para o Fernández Iglesias, pois «na Coruña, Santiago ou Vigo non habería mercado para un dos nosos restaurantes. Polo que analizamos, é probable que nin en Barcelona o haxa», explican.

1050 lecturas