O Liceo volve reinar en Europa
O equipo coruñés fíxose este sábado coa súa quinta Euroliga de hóckey nun partido que comezou perdendo contra o Reus pero no que rematou impoñéndose claramente.
O Coinasa Liceo é o novo Campión de Europa tras vencer por 7-4 ao Reus nunha final apaixonante na que os tarraconenses chegaron a ter un 0-3 a favor, pero que souberon remontar os rapaces de Carlos Gil.
A final da Euroliga disputábase en Andorra entre dous vellos coñecidos, que ademais se volverán ver as caras esta mesma semana. Liceo e Reus, non só loitaron por ser o mellor equipo de Europa, senón que aínda teñen pendente decidir en sete días quen é o gañador da Ok Liga española.
O Liceo, que pelexou ata chegar aos penaltis por unha praza na final, tivo que lidar cun marcador adverso dende o principio, xa que comezou adiantándose o Reus aos catro minutos, cun disparo de Xavier Calou nunha acción ofensiva que non puideron deter os galegos.
Raúl Marín, quince minutos antes do descanso, puxo o 0-2 no luminoso, ante os aplausos dunha bancada na que había un bo número de seguidores dos tarraconenses.
O terceiro dos cataláns chegou nunha falta pouco despois, pero o Liceo contestou cun tanto de Pablo Álvarez a falta de seis minutos e medio para a pausa.
Os coruñeses recortaron aínda máis as distancias cun gol de Jordi Bargalló, que foi acompañado doutro de Ricardo Barreiros que non só puxo a igualada, senón que deixou unha perspectiva favorable para o segundo tempo.
Os de Carlos Gil remontaron tras o desastre do inicio, e puxéronse 4-3 co segundo tanto de Pablo Álvarez momentos despois de iniciarse a segunda metade.
A sentenza chegou a falta de cinco minutos para o final, con outro gol de Barreiros que supuxo o quinto para os verdibranco, e a confirmación dun título que non conseguían dende hai oito anos.
Non obstante, aínda quedaba tempo para gozar, e chegou un sexto, que volveu anotar Pablo Álvarez, para afundir a un Reus que intentou reaccionar aínda que non tivo tempo abondo.
A pesar de que conseguiu o quinto por medio de Marc Gual, o Liceo devolveulla segundos despois novamente da man de Pablo Álvarez, que puxo o 7-4 final.
Coa deste sábado, o Liceo suma a súa quinta Euroliga, tras as de 1987, 1988, 1992 e 2003.
Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia
Novas relacionadas



