O Liceo Casino acolle a exposición «Presenza de Venezuela en Galicia»

Listen to this page using ReadSpeaker

Hoxe terá lugar, a partir das 20.30 horas, a presentación da exposición Presenza de Venezuela en Galicia, que estará dispoñible para todos os públicos dende o día 19 ata o 29 deste mes. Os horarios de visita serán, aproximadamente, de 10.30 da mañá a 22.00 da noite, coincidindo co horario cotián de funcións da sede da entidade vilagarciana. A mostra estará exposta na sala de exposicións do Liceo Casino.

Na presentación do evento estiveron Xermán Torres, vicepresidente e secretario das actividades culturais do Liceo, a quen acompañaron Isabel Peleteiro e Giuseppina Illuzzi, membros do comité organizador da exposición.

Os tres representantes explicaron que se trata dunha mostra que proxecta os vínculos existentes entre Venezuela e Galicia, facendo fincapé tamén nos lazos entre o país sudamericano coa localidade vilagarciana. Isabel Peleteiro quixo agradecer ao Liceo Casino a oportunidade brindada para exhibir este proxecto cultural tan significativo, símbolo da innovación e entendemento interculturais.

A profesora definiu a Vilagarcía como «cónclave de emigración e retorno», indicando que os galegos fixeron de Venezuela un país de acollida e intercambio. Explicou tamén que a exposición se compón de distintas e variadas mostras de tecidos, pinturas ou ourivaría provenientes de «culturas milenarias» cuxo obxectivo principal é contrastar as diferentes obras de artesanía que representan, o acervo social, cultural e antropolóxico de varios pobos indíxenas, coa «idade da tecnoloxía» actual.

Culturas precolombinas
A presenza das culturas precolombinas que compoñen a mostra é diversa, e nela estarán representadas civilizacións como a dos Guarao, Pemao ou Yanomami, entre outras.

Así, a través de máis de duascentas pezas de arte indíxena, o espectador poderá ser testemuña das linguas e valores nos que se cimentan estas civilizacións tan diferentes á cultura galega, pero con grandes vínculos con esta a pesar de todo.

Na presentación de hoxe, ademais, os asistentes poderán visionar un vídeo sobre as experiencias na selva da misioneira Manuela Silva. Tamén será agasallado quen se achegue sobre esa hora á sala de exposicións do Liceo cunha botella de viño, mentres que tamén os organizadores teñen previsto poñer pinchos para que os espectadores gocen con bo sabor dos detalles culturais que a exposición exhibe.

Como quixo resaltar Isabel Peleteiro, a pesar de que o título da mostra é Presenza de Venezuela en Galicia, o obxectivo é, tamén mostrar a presenza de Galicia en Venezuela, xa que as dúas civilizacións están irmandadas pola súa longa historia de intercambios migratorios.

 

Fonte: La Voz de Galicia

900 lecturas