O Lar Gallego de Chile entregou os premios do V Concurso de relato breve Rosalía de Castro durante a celebración do Día das Letras Galegas
Un chileno fíxose co primeiro premio, mentres que as mencións honrosas foron para un galego de Montevideo, outro de Ferrol e unha galega de Santa Fe.
Durante o acto homenaxeouse a figura de Manuel María, o designado pola Real Academia Galega para dedicarlle a edición de 2016 do Día das Letras Galegas.
- O Grupo de canto tradicional e pandeireta 'Beira do Mar' interpretou temas clásicos do folclore galego
- Durante o acto proxectouse un audiovisual sobre a vida e obra de Manuel María
- O público presente tamén foi protagonista da homenaxe a Manuel María, participando na lectura dun dos seus poemas
- O xurado do V Concurso de contos curtos "Rosalía de Castro" destacou a gran cantidade de obras presentadas e a calidade das mesmas
Como é tradicional o Lar Gallego reuniuse xunto a socios e socias, persoas colaboradoras, amizades e simpatizantes, para celebrar o Día das Letras Galegas, cuxo homenaxeado foi o destacado escritor Manuel María Fernández Teixeiro. Para dar inicio á actividade, o Grupo de canto tradicional e andereita 'Beira do Mar', interpretou algunhas cancións clásicas do folclore galego, que agregaron morriña ao encontro.
Logo, deuse a benvida ás e os presentes e deseguido comentouse o significado desta importante data, para dar paso a unha interesante presentación audiovisual coa vida e obra de Manuel María, para continuar compartindo un dos seus fermosos poemas, A Fala, coas e os asistentes, quen participaron da súa lectura lendo en galego e español o citado poema, para finalizar cun intercambio de opinións e comentarios do seu traballo. Sen dúbida, foi unha importante experiencia a repetir.
Entrega dos premios do V Concurso de Conto Curto Rosalía de Castro
Despois da celebración das Letras Galegas, e como se fixo costume, aprovéitase esta data tan representativa para entregar os galardóns ás e os premiados do V Concurso de Conto Curto Rosalía de Castro, que na presente edición recaeron en:
- Primeiro Premio: Paseo 21 de Mayo, de Patricio Dinamarca Santelices (La Serena - Chile)
- Primeira Mención Honrosa: El Platillo de Porcelana, de José Javier García Pena (Montevideo - Uruguai
- Segunda Mención Honrosa para (ex-aequo): La Conversa, de Ricardo Jorquera Caselas (Ferrol - España) e Una Triste Historia de Amor, de Blanca Nieves Dieguez (Santa Fe - Arxentina).
Na súa quinta edición, o certame recibiu un importante número de relatos e o xurado, integrado por Paulina Valente Uribe, Leonora Díaz Mas, Alicia Losada Losada, Manuel Pena Muñoz, Manuel Mariño Reimann e Fernando Moure Rojas, fixo fincapé no gran nivel dos escritos recibidos e do arduo traballo para seleccionar ás e os gañadores.
Despediuse o encontro convidando ás distintas actividades ás e os asistentes, lembrando que este tipo de encontros continuará no tempo coa achega e colaboración de todas e todos os integrantes da comunidade galega do país.
Fonte e fotos: Lar Gallego de Chile
Novas relacionadas