O Igape salienta a cooperación de 90 empresas galegas para implantarse co apoio da Xunta nos mercados de Brasil e México

As empresas colaboran en 18 proxectos empresariais ao amparo do programa Primex do Igape, que fomenta a cooperación entre as compañías.

O director do Igape, Javier Aguilera, salienta os avances acadados polas empresas galegas en Latinoamérica grazas aos servizos en destino achegados pola rede Pexga o polas asociacións de empresarios e empresarias de orixe galega na zona.

Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 30 de xuño de 2013.

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou a cooperación como clave para o éxito dos proxectos empresariais galegos en América Latina, e salientou que máis de 90 empresas galegas apostan hoxe por implantarse en mercados emerxentes como Brasil e México con programas da Xunta. Aguilera participou en Madrid nun encontro sobre negocios e investimento en América Latina organizado pola escola Goberna América Latina, e salientou que, no proxecto internacionalizador galego, esa colaboración se está a dar tanto entre as propias empresas como entre estas e a Xunta.

Subliñou nese sentido a aposta desas 90 empresas galegas, que colaboran en 18 proxectos empresariais amparados polo programa Primex do Igape, deseñado para apoiar primeiras implantacións comerciais en mercados exteriores; o Instituto, destacou Aguilera, tamén coordina, en colaboración coas Cámaras de Comercio, as accións do programa para o Fomento das Exportacións Galegas (Foexga).

O director do Igape puxo ademais en valor o modelo de cooperación entre a Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia para facilitar servizos en destino ou asentamento provisional a través da Rede Pexga, e destacou que as oficinas habilitadas en Brasil e México están entre as máis solicitadas polas empresarias e os empresarios galegos.

Destacou igualmente o amplo catálogo de instrumentos de apoio habilitados pola Xunta de Galicia para acelerar a proxección exterior das empresas galegas, desde os diagnósticos previos para que as compañías coñezan o seu potencial, ata os préstamos avalados polo programa ReExport para financiar os custos das exportacións, ou as axudas para facilitar as primeiras implantacións.

Javier Aguilera tamén se referiu á rede de empresarios de orixe galega no exterior, que están a poñer a disposición do empresariado que busca internacionalizarse as súas redes de contactos e relacións para facilitar novas alianzas e negocios. Esta rede de empresarios e empresarias de orixe galega está a ser de grande utilidade, sinalou, sobre todo en Arxentina, Uruguai, Venezuela, México ou Brasil.

1095 lecturas