A Xunta busca incrementar as alianzas comerciais entre as empresas galegas e brasileiras
O director do Igape, Javier Aguilera, reúnese en Río de Xaneiro con empresariado brasileiro e de orixe galega na procura de inversións e acordos.
O obxectivo é ampliar as posibilidades de mercado dun país ao que exportaron 247 empresas o pasado ano, sumando case 167 millóns de euros.
Nos catro primeiros meses deste ano, as vendas galegas a Brasil medraron un 23%.
Máis de 70 empresas galegas estanse a implantar comercialmente neste país co apoio do Igape e ao amparo de doce proxectos Primex.

A Xunta está a impulsar en Brasil alianzas comerciais entre empresas galegas e brasileiras que apuntalen o crecemento que se está a dar nas exportacións de Galicia o país sudamericano, un incremento que acadou o 23% nos primeiros catro meses do ano. O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro en Río de Xaneiro con empresarias e empresarios de orixe galega co dobre obxectivo de captar investimentos das súas compañías en Galicia, e localizar novas posibilidades de negocio e alianza comercial para as entidades galegas que operen ou queiran operar nese mercado, o máis importante de América Latina.
Aguilera participou nun Foro de Investimento organizado polo propio empresariado brasileiro de orixe galega, agrupado na asociación AEGAL-RÍO que preside Eloy Fernández. O director do Igape subliñou no encontro o especial marco de apoio existente en Galicia para acoller novos investimentos empresariais, e animou ás e aos preto de medio centenar de membros da asociación a dedicar recursos a Galicia.
Ampliar e mellorar as posibilidades de negocio das empresas galegas no país e outro dos obxectivos desta misión do Igape, que xa está a apoiar mediante o Plan Primex á primeira exportación unha ducia de proxectos nos que cooperan máis de 70 empresas. Ese apoio repercute nas boas cifras das vendas galegas a Brasil: máis alá do crecemento rexistrado nos primeiros catro meses do ano, Aguilera subliñou que en 2012 exportaron a Brasil 247 empresas galegas, que sumaron vendas por valor de 167 millóns de euros.
No marco desta viaxe, Aguilera tamén ten programados encontros empresariais con directivos de Sinaval, o clúster que aglutina a estaleiros e empresas auxiliares do sector naval da área de Río. Este sector é un dos que teñen maior potencial de crecemento en Brasil, e un dos que pode posibilitar mellores alianzas con Galicia.
O mercado brasileiro é un dos que están a espertar maior interese entre as e os empresarios galegos convencidos da necesidade de internacionalizarse, de acordo coa estratexia promovida pola Xunta, que apoia a entrada de empresas neste mercado mediante a oficina da plataforma Pexga asentada en Sao Paulo, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, ou mediante programas do Igape como o o propio Plan Primex e o Re-Export.
Durante os encontros que está a manter no país sudamericano, o director do Igape salientou o espírito emprendedor das galegas e os galegos espallados por América Latina, e animou ás e aos empresarios de orixe galega de Río a actuar como verdadeiras embaixadas comerciais ao servizo das alianzas e negocios internacionais promovidos polos empresarios e empresarias de orixe galega.
Os encontros de Brasil enmárcanse nunha estratexia máis ampla da Consellería de Economía e Industria de establecemento de lazos coas comunidades empresariais do exterior, desde o convencemento de que así se está a favorecer tanto o incremento das exportacións galegas como a captación de investimentos cara a Galicia.
Polo de agora, responsables do Igape mantiveron encontros de traballo con empresarias e empresarios de orixe galega asentados en Cataluña, Madrid, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos, e está previsto o desenvolvemento de encontros semellantes co empresariado galego asentado en México ou Venezuela, entre outros mercados de interese para Galicia.
Novas relacionadas